Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/04/2016 | Actualizada ás 15:01
A presidenta da xestora adiantou que as eleccións para escoller candidato á presidencia da Xunta serán a finais de maio. Pilar Cancela fixo este anuncio -que colleu por sorpresa aos medios e a moitos dos seus compañeiros- en rolda de prensa este mediodía. O calendario ten que ser ratificado esta fin de semana no Consejo Federal do PSOE en Madrid.
Son varias as fontes que dan a Xaquín Fernández Leiceaga como o candidato ‘oficialista’ para este proceso. O nome do ex-deputado compostelán tería sido pactado xa entre a xestora e a cúpula de Ferraz. Leiceaga ten a vantaxe de provir do campo do nacionalismo, polo que sería en teoría unha figura que non suscitaría demasiadas reticencias nas mareas para un eventual pacto de goberno.
Aos críticos coa xestora nomeada por Madrid este anuncio cólleos a pé cambiado, pois seguen divididos en varios sectores. Uns apostan polo coruñés José Luís Méndez Romeu como candidato, impulsados entre outros factores pola negativa do voceiro parlamentar para descartarse. Outros insisten na alternativa de Francisco Caamaño, malia que o ex-ministro de Xustiza xa dixo que el non aspiraba a ese posto. O sector vigués carece de candidato plausible, pois a presidenta de Deputación de Pontevedra Carmela Silva desbotouse para a Xunta, aínda que non o fixo o mesmo para a secretaría xeral do PSdeG.
O anuncio de Cancela chega cando o alcalde de Vigo anda en plena xira de contacto cos líderes socialistas locais. Abel Caballero descartou sempre ter aspiracións á marxe da alcaldía olívica, pero a súa actividade interpretouse como un intento de coller o leme do partido a nivel galego. A súa postura pasaba por unhas primarias despois do verán, unha vez que se celebrasen a repeticións das xerais.
Preguntada pola xira e a postura do político vigués, Cancela recoñeceu a importancia e o peso de Caballero no PSdG; pero de seguido lembrou que a facultade de decidir cando e como serán as primarias correspóndelle a xestora. O anuncio das primarias tamén colleu por sorpresa ao edil, que dixo que en todo caso tanto lle tiña cando se celebrasen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.