Xornadas para fomentar a mellora da convivencia familiar en Allariz

A Área de Benestar Social do concello, a través do Departamento de Familia, pon en marcha unha nova edición das Xornadas para Familias baixo o lema “CON-VIVENCIA(S): Acompañando na crianza”. O ciclo de actividades desenvolverase, en diferentes datas, do 25 de abril ao 15 de maio.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 25/04/2025 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

“CON-VIVENCIA(S): Acompañando na crianza”, este é o título dunhas xornadas que se realizan en Allariz tendo como obxectivo promover espazos de encontro, reflexión, aprendizaxe e desfrute compartido arredor da crianza, o coidado emocional e a corresponsabilidade no fogar. As actividades comezarán o 25 de abril e rematarán o 15 de maio sendo necesaria a inscrición previa para cada unha delas e contando nalgún caso co servizo de canguraxe de balde.

Presentación das xornadas de convivencia familiar. Foto: Concello de Allariz.
Presentación das xornadas de convivencia familiar. Foto: Concello de Allariz.

A concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez Ayán, sinalaba na presentación que “é fundamental crear espazos públicos nos que as familias se sintan acompañadas e con ferramentas para afrontar os retos da crianza. Estas xornadas son unha mostra do compromiso de Allariz cunha sociedade máis coidada, empática e corresponsable”.

A inauguración terá lugar este xoves 25 de abril ás 17:00 h no segundo andar do Fogar dos Maiores, cun acto conducido pola propia concelleira e pola educadora familiar Uxía Fernández Cordeiro. Seguidamente, ás 17:10 h, a escritora e comunicadora Coral Herrera ofrecerá a palestra “Coidarnos en familia”, na que reflexionará sobre como construír relacións afectivas máis igualitarias, libres de violencia e baseadas na tenrura, a escoita e o respecto mutuo. Esta primeira sesión contará con servizo de canguraxe gratuíto, dispoñible para quen o solicite previamente.

PROGRAMACIÓN PARA MAIO

A programación continuará o mércores 7 de maio, ás 17:15 h, cun obradoiro vivencial titulado “Toco, exploro, sinto”, dirixido a crianzas de 6 meses a 6 anos e ás súas familias. Impartido por Ana e Eva, mestras de educación infantil, centrarase nas bases sensoriais da primeira infancia e terá lugar tamén no Fogar dos Maiores, sendo necesaria inscrición previa.

O sábado 10 de maio, de 11:00 a 13:00 h, será a quenda de “Contos, música e danza”, un obradoiro lúdico e creativo para familias con crianzas de 2 a 6 anos, guiado por Getse Valenzuela, mestra especialista en música. Ao día seguinte, domingo 11 de maio, terá lugar unha proposta ao aire libre: a “Orientaventura da Corresponsabilidade en Familia”, unha xincana con retos colaborativos organizada polo equipo de Territorio Comanche, con saída ás 11:00 h desde o Xardín do Fogar dos Maiores. 

Xa na recta final, o mércores 14 de maio ás 18:00 h, celebrarase o obradoiro “Xestión emocional e conflitos”, orientado a familias con crianzas de 7 a 12 anos, da man de Rocío Álvarez, formadora, asesora educativa e terapeuta da Escuela de Emociones. Esta actividade tamén contará con servizo de canguraxe, previa solicitude.

As xornadas clausuraranse o xoves 15 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Familias, cunha xornada festiva no Xardín do Fogar dos Maiores. A partir das 17:00 h celebrarase unha merenda familiar, para o que se convida ás familias a traer a súa manta e a súa comida. Ás 17:30 h, o grupo Ghazafelhos ofrecerá a obra teatral Travesía Unicornio, cunha duración de 50 minutos, e a festa rematará ás 18:30 h cunha sesión de Picadiscos pensada para o desfrute de todas as idades.

Con estas III Xornadas para Familias, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa promoción dunha crianza consciente, a educación emocional e a creación de espazos públicos que favorezan o benestar compartido entre pequenas e maiores.

PARA PARTICIPAR

Todas as actividades son gratuítas, aínda que moitas delas requiren inscrición previa, que pode formalizarse nas dependencias do Fogar dos Maiores ou chamando aos teléfonos 988 55 40 59 / 683 61 46 91.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta