Por Galicia Confidencial | Ribeira | 07/05/2016 | Actualizada ás 10:00
A píllara papuda é una especie en perigo de extinción en Galicia. Só quedan xa 73 parellas segundo o último censo do ano pasado. No resto da franxa costeira que vai ata Francia xa desapareceron. E, a pesar diso e do especial coidado que precisan, a Xunta provocou que dous niños desapareceran de Aguiño e Corrubedo por non sinalizalos, balizalos e protexelos, tal e como lle pediu a organización ecoloxista AXENA.
As praias da zona dende Carnota ata o Barbanza contan ca maior densidade de píllaras de toda Galicia. A situación para esta especie é crítica, e, por iso, hai todo un plan de conservación aprobado pola Xunta de Galicia para evitar a súa extinción no norte ibérico. Plan que a propia administración autonómica é a primeira en incumprir, segundo esta organización.
Esta especie cría na propia area da praia, e polo tanto está moi exposta aos bañistas e os cans, reducíndose as súas posibilidades de cría á mínima expresión coa chegada do bo tempo. Os voluntarios de AXENA, de forma desinteresada, inspeccionan coa maior periodicidade posible --algunhas praias con dous ou tres visitas por semana-- estas praias na temporada de críam, que dura de marzo a xullo. O seu obxectivo é procurar niños para poder ser protexidos mediante gaiolas e perímetros de seguridade e facer o posterior monitoreo das postas e os polos.
“A cor dos ovos, éche coma a area e son moi pequenos! Isto, a veces, é coma buscar unha agulla nun palleiro… hai que botarlle moito tempo e dedicación”, apuntan desde esta entidade. Por iso, é importante detectar os niños canto antes para poder protexelos.
Esta semana no Barbanza, membros desta organización detectaron dous niños desta fráxil especie, un en Aguiño e outro en Corrubedo na praia de Balieiros, ambas os dous no concello de Ribeira. Rapidamente, deron aviso á Xunta, que é a autoridade competente para a súa protección. Na fin de semana, é con ese bo tempo, a afluencia de xente ás praias é moito maior que durante a semana, co cal é esencial protexer canto antes.
Abandono da Xunta
Lamentablemente, isto non sucedeu así no niño de Aguiño, atopado por AXENA o 28 de abril. Esta entidade denuncia que o persoal da Xunta de Galicia nin sequera se presentou para balizalo e días despois biólogos da USC comprobaron que desaparecera. O niño de Balieiros foi localizado por AXENA o 29 de abril, e, a pesar de ser avisada, a Xunta non foi balizalo ata o luns porque os fins de semana o persoal en servizo négase a poñer as gaiolas e os perímetros de protección aos niños. Cando chegaron, a posta de ovos e o niño xa se perdera.
A presencia de cans ceibos na praia é un dos principais perigos para esta especie xa que os poliños tardan unha semana en poder voar
AXENA advirte que, para a conservación da especie, é necesario poñer carteis informativos e evitar pasear os cans por zonas de cría, a non ser que vaian con correa. “Non soamente pola incubación dos ovos, senón porque os polos abandonan o niño ás poucas horas de nacer pero non poden voar ata pasadas unhas semanas e, claro, son presa fácil para os cans”, sinala.
De feito, os cans, son os grandes perigos para esta especie e, segundo AXENA, a Xunta “négase sistemáticamente” a controlar a presencia de mascotas soltas na praia tal e como recolle a lei para a protección da píllara papuda. De feito, no 2015 en Aguieira, de oito niños de píllara, cun total de 22 ovos, só se conseguiu que voase un poliño. “Este ano, como faga bo tempo e non cambie a actitude e o pasotismo da Xunta de Galicia imos seguir polo mesmo camiño... Logo non se boten as mans á cabeza cando xa sexa imposible evitar que outra especie máis se extinga en Galicia”, lamenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.