A Xunta comeza a recuperación de edificios litorais con especial valor para reconvertelos en hoteis

Tamén formarán parte desta rede de establecementos aquelas edificacións que tivesen previamente uso residencial e que estivesen legalmente establecidas antes da lei de Costas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2025 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantiveron unha reunión para dar inicio aos traballos do Programa para a recuperación e rehabilitación de edificacións de especial valor arquitectónico, histórico e cultural no litoral galego. 

Reunión da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, con responsables de Turismo de Galicia
Reunión da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, con responsables de Turismo de Galicia | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Así, durante o encontro analizaron o procedemento para levar a cabo esta iniciativa, que ten como obxectivo recuperar inmobles xa existentes de especial interese, para crear unha rede de establecementos turísticos de calidade, que axuden á diversificación e a desestacionalización do sector. Ángeles Vázquez sinalou que tamén formarán parte desta rede de establecementos aquelas edificacións que tivesen previamente uso residencial e que estivesen legalmente establecidas antes da lei de Costas.

Pola súa banda, Merelles subliñou que esta medida permitirá avanzar no desenvolvemento dunha actividade turística que xere emprego e oportunidades en Galicia, ao mesmo tempo que contribúe á recuperación do patrimonio. Ademais dos traballos técnicos de identificación dos edificios, tamén se estudaron os criterios que regularán as condicións que deben reunir os inmobles, os requisitos esixibles aos establecementos e o seu réxime de funcionamento, ademais das condicións de integración paisaxística que deben cumprir.

Este programa de recuperación e rehabilitación forma parte das medidas incluídas na planificación para desenvolver a lei do litoral de Galicia, unha ver asinado o convenio para facer efectivo o traspaso das competencias de xestión da costa á Comunidade Autónoma. Ademais, entre as medidas tamén se inclúe a creación dunha rede de sendeiros litorais, que conectará Ribadeo ata A Guarda, ou unha guía para a integración paisaxística dos establecementos hoteleiros do litoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta