Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 25/04/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante séculos, Galicia foi un recuncho temido e reverenciado polos mariñeiros do Atlántico. A súa costa, escarpada e batida por temporais, é unha paisaxe de beleza salvaxe, pero tamén de naufraxios. Neste escenario de néboas, cantís e lendas, os faron álzanse como testemuñas mudas dunha relación complexa entre o home e o mar. Dende a mítica Torre de Hércules, na Coruña, ata os solitarios faros da Costa da Morte, estas construcións non só guiaron aos barcos, tamén marcaron o pulso dunha terra que vive mirando ao horizonte. Entre outras moitas cousas, Galicia pode presumir así de ter o faro en funcionamento máis antigo do mundo: a Torre de Hércules, cunha orixe romana que se remonta ao século I d.C., cando os romanos o construíron para sinalizar a entrada ao porto coruñés. Pero, como comezaron a crearse os primeiros faros?
No comezo dos tempos, os faros eran unha simple plataforma elevada en moitos casos no medio dun monte na que se acendía un lume --dese tempo conservamos nos nosos días a toponimia de 'facho', como o monte Facho de Fisterra, o Facho de Touriñán ou o Facho de Lourido--. Historicamente os faros veñen do mundo clásico, pero o seu despegue xeográfico comeza a finais da Idade Media e comezos da Moderna, co aumento do comercio marítimo en todo o mundo occidental, despegue que se consolida no século XVIII coa formación dos modernos estados nacións e a revolución industrial. No século XIX os intereses das potencias europeas e o das grandes compañías navieiras con barcos de vapor e liñas oceánicas e de navegación nocturna precisaban marcar as rutas cunha sinalización segura.
A lámpada de Argand (finais do século XVIII) é realmente a primeira mellora óptica que houbo no mundo da sinalización marítima en séculos. Inventada por Aimé Argand en 1780, empregábase tanto en interiores como en faros, e ofrecía unha chama máis brillante e estable que as lámpadas interiores. Entre as súas características clave destacaba a mecha cilíndrica, no canto de plana, o que melloraba a combustión; a cheminea de vidro, que canalizaba o aire e aumentaba a eficiencia; o emprego do aceite como combustible, xeralmente de balea ou vexetal; e a emisión dunha luz branca e constante, ideal para a sinalización marítima. Grazas ao seu deseño, producía entre 6 e 10 veces máis luz que unha lámpada común. Por ese entón tamén se dan os primeiros intentos de magnificar a luz, que culminan coa lente inventada por Agustin-Jean Fresnel (1822), físico francés que introduce o sistema dióptrico no que a luz é enviada a través de lentes esféricas rodeadas de prismas anulares ou parabólicos que concentran os raios de luz e diríxenos horizontalmente, o que os fai visibles a moitos máis quilómetros.
ENTRE 1850 E 1900 CONSTRUÍRONSE BOA PARTE DOS FAROS DE GALICIA
A maioría da costa galega permaneceu desprotexida na noite durante séculos. Os naufraxios eran frecuentes, especialmente en zonas como a Costa da Morte, onde o relevo é caprichoso e as correntes impredicibles. Foi no século XIX, co impulso da navegación comercial e militar, cando se trazou un plan de sinalización marítima para Galicia. Entre 1850 e 1900 construíronse boa parte dos faros que hoxe puntean a costa: Vilán --o primeiro electrificado en España, en 1896--, Fisterra, Corrubedo, Estaca de Bares, Ortegal, Roncudo, Laxe, Silleiro... A maioría están ubicados en lugares solitarios e de difícil acceso, escollidos precisamente pola súa visibilidade e exposición ao mar.
En España, con excepcións como a Torre de Hércules (A Coruña) ou Porto-Pi (Mallorca), a política sobre faros non existiu ata o reinado de Isabel II, cando se concreta o Plan General para el Alumbrado Marítimo de las Costas y Puertos de España (1847), polo que se van construír 127 faros en toda a costa española, entre eles o das Illas Sisargas e Fisterra, e se sentan as bases do 'Servicio de Señales Marítimas' e do Corpo de Torreiros de Faros (1851). No século XX a evolución dos sinais marítimos irá paralelo ao progreso científico. Os principais inventos desta época e, consecuentemente, as súas aplicacións específicas, acadarán unha considerable mellora tecnolóxica.
TIPOLOXÍA DOS FAROS
Se o pensamos ben, un faro non é máis que un sinal luminoso que serve para guiar aos navegantes. E, para que sexa visible dende o mar, adoita colocarse sobre unha torre. A primeira torre coñecida que tiña unha luz no seu curuto estaba situada na illa de Pharos, en Alexandría, e deu nome a este tipo de sinais. A parte dos sinais luminosos, hainos tamén acústicos, baseados na emisión dun son; e radioeléctricos, que empregan ondas radioeléctricas. Tamén hai sinais visuais cegos que actúan como marcas ou simples referencias visuais.
Deste xeito, os sinais luminosos poden clasificarse en balizas e faros. As balizas son sinais lumisos de menor alcance e subdivídense en: boias, que se colocan para avisar dalgún perigo para a navegación, como por exemplo sinalar un baixo; luces de porto, que sinalan un porto; e luces de enfilación, que sinalan a canle de entrada a un porto. Os faros, pola súa banda, serven para que os navegantes poidan determinar a súa posición. A súa luz ten que superar un alcance de máis de 20 millas. Pola súa importancia son clasificados en: faros de recalada, que son os que teñen unha luz máis potente e os primeiros que ven os mariñeiros e que lles axudan a marcar o rumbo a seguir, como poden ser os faros Vilán ou Fisterra; e faros de costa ou referencia, que teñen unha luz de menor alcance e van situados entre os de recalada para marcaren as zonas escuras, como son os de Touriñán e Laxe.
Polo alcance e importancia da súa luz, os faros divídense en seis categorías. Os de primeira orde, como Vilán e Fisterra, que son os de recalada; os de segunda, que teñen como misión sinalizar escollos na liña de costa para a navegación de cabotaxe; os de terceira, que son os que marcan a entrada a unha ría; e a partir de aquí, os demais, xa non se consideran faros propiamente ditos, senón fanais que sinalizan portos ou perigos inmediatos. Para ser identificados polos navegantes, cada faro ten unha apariencia luminosa ou característica distintiva da súa luz que o diferencia dos outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.