Rogando a indulxencia do lector, debo aclarar que con frecuencia os recontos de fazañas son en realidade unha mostra de inseguridade, como a que pode ter por exemplo alguén que non teña ningún dos seus libros publicados.
A continuación expoño dez preguntas que obedecen a reflexións sobre os encontros con persoeiros famosos no eido cultural das letras: que parte xoga a casualidade e que parte xogan a forza da vontade e o vencemento da timidez?
1. por que fun o branco dunha estocada enxeñosa de Gonzalo Torrente Ballester? (cando lle confesei como aspirante a escritor a miña admiración por el, o gran novelista espetoume o seguinte: “pois deberías odiarme”)
2. por que foi tan faladora comigo Iris Murdoch, acompañada polo seu extraordinario marido o tamén escritor John Bayley, na Facultade de Filoloxía da USC en 1992?
3. por que esa luz do Brasil que era Jorge Amado me pediu feliz que lle sacara unha foto entre dúas esculturais mulleres africanas no Auditorio de Galicia en 1993?
4. por que José Saramago foi tan humilde e amable cando falamos brevemente no Claustro de Fonseca en 1993?
5. por que José Filgueira Valverde decidiu darme a min - un descoñecido - o agasallo supremo de revelarme a existencia dun libro en grande medida inédito do mentor de Rosalía de Castro Aurelio Aguirre o día que falei con el en 1995?
6. por que o teólogo Xosé Chao Rego decidiu regalarme o manuscrito dun libro seu cando o visitei alá polo ano 1999?
7. por que tivo Carlos Casares o xesto de darme a man inesperadamente cando lle preguntei pola hora da reunión do PEN Clube en Padrón no 2001?
8. por que nesa reunión do PEN na padronesa casa da Matanza onde vivira a familia Murguía-Castro un malhumorado Derek Walcott aceptou contestar a unha pregunta sobre a súa colaboración co cantante Paul Simon?
9. por que no 2001 Camilo José Cela non dubidou en darme a man en Adina incluso despois de avisalo de que eu viña directamente de investigar nunhas ruínas?
10. por que cando falei no 2006 co poeta Manuel María por primeira e única vez el decidiu revelarme algo que lle contara outro homenaxeado coma el no Día das Letras Galegas, Fermín Bouza Brey, o seguinte: que Rosalía de Castro tivera un irmán, un bebé que faleceu ó pouco de ver a luz do mundo?
O brillo intoxicante da radiación que emiten as estrelas da cultura tamén me tocou fondamente cando falei con artistas como Luísa Castro, Manuel Rivas, Mario Vargas Llosa, Suso de Toro, Ian McEwan, Ekhi de Delorean, Andy Summers, Laura Veirs, Antonio Vega ou Robert King entre outros.
Penso que a resposta ás dez preguntas é a seguinte: máis alá de que un poida transmitir entusiasmo e confianza, tal vez existen uns vínculos - invisibles e sorprendentes por moito que se sucedan – entre os creadores sometidos ó impacto das artes. A expresión dos ollos nas miradas de intelixencia e os sentimentos da fala entrecortada pola emoción de almas que se encontran no camiño son posiblemente as claves que explican esas conexións.
Estamos todos unidos dentro da condición tráxica que compartimos. É un fermoso, delicado e emocionante misterio comprobar que persoas atoparemos nas nosas vidas, pero está claro que de todos depende - empezando polas votacións - que as luces da xustiza, da igualdade, da ilustración e da compaixón se estendan polo noso planeta ferido.