Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/05/2016 | Actualizada ás 11:30
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é líder en España en produción científica nas áreas de Matemáticas e Ciencias da Computación, segundo a edición 2016 do ránking Leiden. Ademais, a institución compostelá colócase como a oitava de Europa e vixésimo oitava do mundo ao tomar en consideración a proporción de publicacións que, en comparación con outras no mesmo campo e ano, pertencen ao 1% das máis frecuentemente citadas. Tomando en consideración o total das publicacións neste ámbito, a USC sitúase quinta de España, 43ª de Europa e 149ª do mundo.
Na clasificación global, incluíndo todas as áreas de coñecemento, a USC posiciónase no posto 360 de entre 842 universidades de 53 países diferentes ordenadas polo seu volume de publicacións científicas. De entre as de Europa, a universidade galega atópase na posición 133 e é a décimo segunda das españolas, sempre atendendo ao número de publicacións producidas entre os anos 2011 e 2015. Para o reconto, o ránking toma en consideración as publicacións rexistradas en Web of Science.
Ademais da valoración xeral, o de Leiden inclúe clasificacións específicas en Ciencias Biomédicas e Saúde, Ciencias da Terra e da Vida, Ciencias Física e Enxeñaría, Ciencias Sociais e Humanidades e Matemáticas e Ciencias da Computación. Xustamente neste último campo é onde a USC acada os seus mellores resultados.
A USC tamén se posiciona quinta de entre todas as españolas pola súa produción científica en Ciencias da Terra e da Vida, no posto 51 de entre as europeas e no 152 no conxunto das 842 que se recollen nesta clasificación. Tamén se alcanzan posicións destacadas polo produción científica en Ciencias Biomédicas e Saúde, sétima de España, e na posición 157 de España e 406 do total.
No campo das Ciencias Físicas e Enxeñaría, Santiago é a décima de España polo número de publicacións entre o 1% das máis citadas e na posición 117ª de entre as universidades europeas polo total da súa produción científica, así como 344 a nivel mundial.
Polo que respecta ás Ciencias Sociais e Humanidades, a investigación realizada na USC ascende á posición décimo segunda de España e á 140ª de Europa pola proporción de publicacións que, en comparación con outras no mesmo campo e ano, pertencen ao 1% das máis frecuentemente citadas. Finalmente, polo total da produción neste eido, a USC sitúase no posto 434 a nivel global.
Para a selección final de universidades valoráronse aquelas cun mínimo de mil publicacións indexadas en Web of Science entre 2011 e 2014. Ademais, unicamente se computaron publicacións en revistas científicas internacionais e, dentro destas, os artigos de investigación e de revisión, informa a Universidade de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.