Por Serafin Pazos | Bruxelas | 07/07/2016
Para aqueles que xa vivimos en directo o referendo escocés hai dous anos volver a estar polas rúas de Edimburgo e Glasgow o día do voto tiña un certo ar de dejá vu. A mesma falta de aparencia de que un voto crucial estaba a ter lugar, a case ausencia de publicidade e signos externos da campaña, a xente indo dun lado a outro coas súas vidas coma calquera xoves. Os únicos signos aparentes foi o de escoitar algunha conversa de pasada no tren e algúns voluntarios máis na rúa ca da outra vez. O día foi longo con plans e discusións para a presidencia británica que supostamente ía ocorrer no ano que ven. Co resultados agardándose tan axustado e o reconto previsto durar ata as oito da mañá do día seguinte fun para o hotel sen seguir o reconto. Primeira vez en moitos anos.
Ás cinco da mañá o subconsciente fíxome acordar e pór a televisión. Jonathan Dimbleby, o oráculo das noites electorais da BBC durante décadas, acababa de anunciar que o Reino Unido votou para saír da UE. “This is history in the making”, dixo. Certamente. Poucas veces, agás nunha traxedia persoal ou algunha catástrofe coma o 11-S, un recorda que tantas circunstancias mudaran tan de golpe e para tanta xente. Por non falar do aspecto individual, onde as asuncións, expectativas e mesmo as regras do xogo deixaron de ser relevantes de golpe. Nin a caída do Muro de Berlín foi tan inmediata.
Ó día seguinte, na oficina, foi curioso observar os escoceses, tan incriblemente circunspectos logo do seu referendo, cando algún mesmo dicira que se fora deitar daquela, non ocultaban o seu shock polo resultado do voto inglés. Sen embargo tomaron a consciencia da enormidade do que estaba pasando non polo resultado ou polo anuncio da dimisión de Cameron, senón cando a Ministra Principal de Escocia Sturgeon anunciou que un novo referendo pola independencia estaba sobre a mesa. Mirando a mesma pantalla de televisión estaba canda min moi boa parte da Escocia política e volvéndome cara eles , xente curtida en mil batallas, puiden ver a gravidade nos seus rostros. A historia acelérase.
Marchei logo da reunión para o aeroporto de volta a Bruxelas e, azares dos voos, acabei facendo noite en Frankfurt. No Sheraton do aeroporto. Lufthansa portouse. Visto retrospectivamente foi bo ter unhas horas para un mesmo antes de voltar a rutina doméstica e considerar as oportunidades que o voto levou por fóra e as que se abren diante dun. Moi poucas veces nos paramos a pensar por onde nos leva a vida. Deberiamos facelo máis.
De volta a Bruxelas como era de esperar moita xente coñecida ou non viña a darche maliciosamente ou de boa intención o “pésame”. Como se fose só cuestión do traballo dun ou dos británicos. De feito, máis dun non agardou a que pasara o fin de semana para tentar de sacar tallada . Sempre hai voitres que se aproveitan mesmo coa carnaza aínda viva. Polo demais a maquinaria bruxeliense e inasequible ó desalento e case se percibiu máis o que estaba a pasar polos media que no ambiente xeral da cidade.
O mércores marchei para Bratislava. Para dar unha conferencia pero coincide que se estaba a inaugurar a Presidencia Eslovaca da UE. Curioso pasear por esta cidade que parece unha vila centroeuropea á beira do Danubio, hai un par de décadas unha cidade de provincias, arrabalde dos desertores do arado apiñocados en torres comunistas, e hoxe capital dun flamante país e cunha renda un 30% maior que Galicia. Cochazos aparcados de edificios de pisos a caer, vellas casas austrohúngaras en curso de reparación, renovados tranvías centroeuroepos, facía calor, minisaias con longas pernas e capuchinos. Os gañadores da integración na UE. Pero non hai que saír moito do centro para atoparse coas vellas caras sufridas eslavas, as marcas do comunismo e unha renda un 30% inferior á de Galicia. Por suposto os extremismos uniformados en gris non andan moi lonxe.
Volta a Bruxelas na medianoite do venres e de volta no aeroporto oito horas despois para levar o fillo a Galicia. Cousa de aproveitar o raro voo directo a Santiago, ese privilexio dos ricos. O neno xa ten vacacións por dous meses e mellor que as pase civilizándose na aldea para que logo poida dicir os tecnócratas que el sabe o que é ir ás patacas. Sorte daqueles que aínda temos aldea. Aldea coma refuxio , para pretender unhas horas que o mundo non cambia arredor de si. Coma se o referendo, Bruxelas, Escocia, Bratislava non existiran. Mais non hai máis que abrir os ollos pra ver que tamén as cousas cambian na aldea. Poucos son os que aínda van as patacas, non digamos ó toxo. As casas son maiormente agora fogares suburbanos, algúns con piscinas onde nenos falando no español do club Disney chapotean para escapar da calor.