Día apátrida

“Cheguei o vintecinco a Compostela, nun ceo de bandeiras e mais de estrelas”. Namentres que a maioria de galegos o Dia Nacional de Galicia (incriblemente ainda asi se chama oficialmente desde os tempos heterodoxos da Transición) é un tempo de praia, churrasco ou para os pudintes de ponte, para a Galicia política é unha data sinalada.

Por Serafin Pazos | | 02/08/2016

Comparte esta noticia
O 25 en Santiago esta cheo de liturxias. Coma na Xerusalén bíblica no día de Pascua, os fariseos e saduceos toman a cidade. O casco vello é coma a Tumba dos Patriaras de Hebrón, por unha porta entran os xudeus e pola outra os musulmans: a Galicia institucional celebrando a 370 ofrenda nacional española ó apóstolo no Obradoiro e na Catedral e a Galicia nacionalista tomando as Alameda e a Praza da Quintana para facer votos pola pronta vinda da Alba de Groria. O ano que ven en Xerusalén.  Os mercaderes e peregrinos observan con curiosidade os ritos duns e doutros namentres proseguen cos seus negocios.
 
O tren de Coruña e o de Vigo chegan case a mesma hora, coma cada ano familias e grupos van co tempo xusto de subir ata a Alameda onde comeza a manifestación antes nacionalista agora só do bloque. De feito a curiosiade morbosa de máis dun  era ver se había tanta xente coma a manifestación supostamente unitaria do ano pasado. A imaxe era a de sempre, homes maiores con coidadas barbas brancas e camiseta negra reivindicativa, rapazada que noutros lugares serian simplemente altermondialista mezclada con xente que podería ser de calquera lado e condición. Nenos rubios xogando coas bandeiras de Bretaña e Escocia. Fillas de militantes con moreno de praia, pérolas nas orellas e minivestido da segunda pranta do Corte Ingles. De feito sempre hai quen pregunta, non sen razón, “onde se mete esta xente o resto do ano?”. 
 
O final nin na Alameda nin na Quintana faltou  máis ca un cuarto do aforo de anos anteriores.A manifestación, mais ben un paseo en pantalón curto e sombreiro de palla pola Zona Nova foi coma desde hai xa anos: lixeira en cantos e slogans setenteiros, so compensada por tambores e gaiteiros.  Na Quintana os manifestantes xuntábanse  coa ringleira de peregrinos para entrar da Porta Santa. Se as regueifas de Isabel Risco comprian mais co sentido chamado de Fede “Era Visto” Perez e cousa de gustos. Saudas de países e partidos que son parceiros de nada e reducen a credibilidade do nacionalismo a hora de buscar aliados que si son determinantes. Que lle pregunten o SNP ou os Flamengos.
 
Estrea de Ana Pontón. Compañeira de aula durante a facultade, certamente esta xeración en Galicia (coma noutros sitios), non ten (temos) nin a bagaxe cultural nin o talento oratorio doutros tempos. Non o fixo mal con todo e algo haberá de certo niso que a prensa antes inimiga apunta a una leve remontada…desde a aniquilación total.  Se algo amosou este 25 é  a capacidade de organización do BNG-UPG. En última instancia ese é non só  os números o factor que gana as guerras: que llo pregunten os palestinos  de 1947.  A só uns centos de metros os seus ex-parceiros de Anova e Compromiso convocan senlleiras quedadas de amigos. Poder de organización: hai quen di que estes perderon a fatídica asemblea de Amio porque moito debateron o sábado pero moitos xa marcharan o domingo antes das votacións. Os da UPG quedaran todos.
 
Beiras que é e sabe da historia do nacionalismo pode que estea a tentar recuncar o que Castelao e os Galeguistas da II Republica conseguiran daquela: meterse coma parceiro minoritario na fronte de esquerdas españolas para conseguir votar o primeiro Estatuto, primeira manifestación democrática dos galegos coma pobo e do que agora (non) se celebran os 80 anos. Se for asi Beiras acabaría no Panteon dos Galegos Ilustres. Mais o máis probable é que a desfeita do que antes era o nacionalismo unificado sexan maiormente leas persoais.
 
 Os ciudadanos, tanto os liberais coma os de esquerdas  nin acto de presenza fixeron. Hónralles a sinceridade. Pros de Rivera e para o podemismo Galicia non deixa de ser un nivel de agregación mais na vertical do poder, que está en Madrid.  Namentres, pasan as semanas con retesías personalisas das diversas  frontes palestinas sector Monty Python sobre o método de vencer a Feijoo, e nada en que  suposto país alternativo desexan construir.
 
Para a Galicia institucional o 25  e un día feliz porque logo de pórse o pesado traxe de Galego malia estes calores, ese é para moitos o último acto antes das vacacións de agosto.Chamadas coma a do pregoeiro rexio Santalices, que con bonhomía ourensana pídelle ó  Santo protexer o galego para mellor educar os seus fillos en español. Neste ano co sorriso que visto o panorama cun pouco de sorte Feijoo recunca na Xunta e mesmo Leiceaga consege manter a segunda praza, se lle deixan os seus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA