Por GC Tendencias | Lorient | 16/08/2016 | Actualizada ás 14:22
Hai uns meses unha amiga de Lorient comezou a animarme a “debutar” no Festival Intercéltico de Lorient, e a facelo dende dentro. A proposta: colaborar e descubrir así as profundidades dun enorme evento que achégase xa ó seu primeiro medio século de historia. Decidinme case a última hora e non puiden ter feito algo mellor.
Eu que son fanático do Festival de Ortigueira sempre sentín a chamada de Lorient. Máis aínda dende que a vida foime achegando por diversos motivos á Bretaña. Moitos amigos bretóns do mundo Erasmus, cinco meses de prácticas en Nantes, o proxecto da Galice Celtique de Carlos Núñez e Mundo Galaico... semella que o camiño estaba medio marcado para xuntarnos algunha vez
Formei parte dun dos equipos de voluntarios e a parte, puiden repartir folletos turísticos do Concello e da Deputación de Lugo no pavillón de Galicia. Fóra do tempo de traballo, desfrute e descubrimento. Buceo entre milleiros de persoas procedentes de todos os recunchos celtas (Irlanda, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man, Asturias, Galicia, Bretaña...) e moitísimos australianos: a edición 2016 adicouse a este país oceánico, considerado como unha das maiores diásporas celtas.
Chamoume a atención o profesionalizado que está o festival. Eventos, actividades, pequenos concertos, tendas de todo tipo, grandes postos de restauración e infraestruturas variadas para acoller a visitantes, artistas, colaboradores e participantes de todo tipo.
En canto ós concertos, puiden desfrutar de moitos oficiais e espontáneos durante o día, pero foi nas noites do 6 e do 7 de agosto cando asistín a dous dos platos fortísimos deste FIL 2016: Joan Baez e Alan Stivell.
“Unha deusa no FIL” foi o titular do diario Le Figaro, e certamente un sentiuse privilexiado de asistir en directo, e nada menos que en Lorient, a un concerto da tamén chamada “reina do folk”. Foi un recital con acento político no que soaron clásicos como “Blowing in the wind”(Bob Dylan), “Gracias a la vida” (Violeta Parra), “Imagine” (John Lennon), “Chanson pour l'Auvergnat” (Georges Brassens) ou o “Here's to you”(de Ennio Morricone e da propia Joan Baez).
Neste histórico concerto apareceu o propio Alan Stivell para cantar a dúo o clásico bretón “Tri Martolod”. Aclamados polo público pecharon o tema cun cálido e emotivo abrazo.
E como dicía anteriormente, foi o concerto de Stivell outro dos momentos máxicos desta experiencia pola Bretaña.
O “príncipe de Lorient” (Le Parisien) festexou medio século de carreira artística presentando algúns dos seus últimos traballos (do seu novo álbum Amzer). Un verdadeiro luxo.
Agardo regresar a Lorient, e sobre todo agardo que os lazos celtas e atlánticos entre Galicia e Bretaña síganse estreitando ano tras ano. É unha verdadeira emoción ver como nos estiman e aprezan por esas terras queridas.
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985). Guía Oficial de Turismo de Galicia e axente de viaxes en Mundo Galaico. Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).
Twitter: @guidoalvarezp / Facebook: guidoalvarezp / Flickr: guidoalvarezparga
Máis artigos de Guido Álvarez aquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.