“Es de las mareadas, galleguiña”

Ángela Rodríguez, deputada de En Marea, denuncia o trato vexatorio que recibiu de axentes da Policía Nacional, de persoal das Cortes e de xornalistas cando ía recoller a súa acreditación no Congreso dos Deputados.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 23/08/2016 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Malia a renovación xeracional que viviron as Cortes españolas no último ano, aínda hai quen non se decatou de que os vellos estereotipos relacionados coa idade e a estética dos deputados caducaron. Non bastaron dúas convocatorias electorais en medio ano e unha radical transformación da paisaxe das bancadas do Congreso e no Senado para afacer a algúns á nova realidade que se vive nos centros de poder do Estado e rachar con prexuízos que, polo visto, seguen vixentes. Así o viviu a deputada de En Marea Ángela Rodríguez, quen experimentou en primeira persoa o desconcerto que aínda xera nalgúns a presenza de deputados mozos de forzas emerxentes que non se corresponden co vello arquetipo do deputado español; máis aínda se es muller... e galega.

Ángela Rodríguez
Ángela Rodríguez

Todo sucedeu este luns, cando a militante de Podemos Galicia foi recoller a súa acreditación no Congreso. Alí, foi parada por dous axentes da Policía Nacional, cando entraba pola porta dos leóns, na Carrera de San Jerónimo, en Madrid, segundo explicou a propia deputada nunha denuncia pública feita dende o seu perfil en Facebook.

"Entro no Congreso pola porta dos leóns, coma sempre. Párame un policía e dime que se lle podo amosar a miña acreditación. Dígolle que aínda non as temos, que son deputada, que lle podo amosar o meu DNI. Mírame con cara de desconcerto e dime que como vou a ser eu deputada con esa cara de nena e así... así (aí miroume de arriba a abaixo)", relata Rodríguez.

Segundo a representante de En Marea, a súa mera presenza causou chanzas dos axentes: "Avisa a outro compañeiro, e dille diante xa de un montón de prensa: «Que la chica esta dice que es diputada, ja ja ja». Ao outro compañeiro tamén lle fai moita gracia o meu intento de autoridade, e deciden escoltarme os dous ao hall para que poida pedir a miña acreditación, xa que é evidente a todos os efectos que non son deputada", continúa a deputada, quen engade: "Atopámonos con outro señor, persoal do congreso, que se suma ás risas e á negativa. Dous periodistas, dos cais non penso dicir o medio, súmanse tamén. Un deles, berrando ben alto con ton burlón di: «Es de las mareadas, galleguiña». Máis risas". 

No seu relato, os problemas de Rodríguez para acceder ao Congreso para recoller a súa acreditación non rematan aí: "Chegamos ao mostrador os dous policías, armas incluidas, o señor do staff e eu, mentres os periodistas de turno seguían co pitillo, o café e a mofa. No mostrador está unha señora tamén do persoal do Congreso que sempre dá os bos días cariñosamente e que nestes meses foi sen dúbida o rostro amable da institución. O meu séquito varonil con máis risas, pídelle que me faga unha acreditación. A muller sen parpadear e mirando fixamente á nada, di: Pase ,señora Rodríguez". E así remata un feito impropio dunha sociedade moderna ao que Rodíguez pon unha sentenza: "We, the people, as intrusas. E mentres tanto: Partido Popular".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 40 comentarios

12 Hermerico

Um pouco de realidade. O braço armado e falsimédia ao natural.

11 xan perillan

Esta non foi a que dixo que sufriu a violencia machista porque disque alguén lle chamou gorda? Esta pampololos, grande loitadora, activista e defensora de todas as causas nobres. Entre elas a lingua? Señoría, non hai máis preguntas

10 Cartomic

É vomitivo. Pero unha gran razón para non querer saber nada dese país e dos seus partidos.

9 Asicheson

Ainda me lembro desa Falabarato de Celia Villalobos que na saída do Parking da Camara Baixa, impaciente porque o seu chofer non daba saído, vociferaba:" Manolo!!! Manolo!! Vamos coño!! no son más tontos porque non se entrenan!!" Un axente acercouse para ver a que viña tanto barullo e cando viu que era unha excelentIsima e ilustrísima señora e non unha "vendedora do pescado", que poñía en perigo a seguridade vial cos seus alaridos, meteou o rabiño antre as pernas, deuse media volta e liscou... Supoño que a incordiar a alguén máis asequible.

8 Balbino

A discriminación é por ser galega e inda por riba muller, xoven e dun partido novo. A Pepe Blanco sempre se lle tratou de maneira despectiva por ser galego, era "Pepiño" por nom falar das calamidades que tiveron que aturar en Madrid os deputados do Bloque, incluso se levantaban a maioría dos deputados cando tiñan a palabra.

1 Cruzeiro

Insultan a quem nom tem dignidade. A primeira vez q fum trabalhar eu a Madrid fomos 2 colegas, e chamaronnos galleguinhos o q ia conmigo dixolhe a um deles q el nom o conhezia de nada para q nos trataram de tu, e menos chamarnos galleguinhos, pois nom nos puxerom multa nim nada e isso q eu levo umha pegata gz na matricula(tampouco eram de trafico..foi no parking do ministerio). Nim polizia nim ostias, e isso q nos eramos dous simples auxiliares administrativos. Nom voltamos a ter problemas, asi q os deputados q se fagam respeitar, nom me dam pena. (Nota: na polizia espanhola habera de tudo, mais tb hai excelentes profisionais e democratas)