Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/09/2016 | Actualizada ás 11:20
Soadas figuras galegas de diferentes ámbitos dan un "si" á fisioterapia na campaña que o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) inicia coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da profesión, que se celebra anualmente cada 8 de setembro. Cun vídeo titulado “Dalle un si á Fisioterapia” como fío condutor, nesta campaña do CoFiGa participan Teresa Portela (piragüista e fisioterapeuta), Rosa Cedrón (cantante), David Seijo (actor), Alex Bergantiños (futbolista do Deportivo da Coruña), Sergio Álvarez (porteiro do Celta de Vigo), David Mascato (ex-piragüista e fisioterapeuta) e Xosé Ramón Gayoso (presentador da TVG). Todos eles fan un chamamento sobre importancia de poñerse en mans de fisioterapeutas colexiados para non poñer en perigo a nosa saúde. A súa mensaxe: "Que non xoguen coa túa saúde".
Trátase dunha campaña coa que os fisioterapeutas galegos, ademais de visibilizar e dar proxección á profesión resaltando a importancia e a contribución dos fisioterapeutas á saúde e á calidade de vida da poboación, inciden no perigo do intrusismo sanitario, subliñando que o fisioterapeuta é un profesional sanitario con formación universitaria oficial e regrada e que a colexiación dos profesionais sanitarios é unha garantía para a saúde de todos.
O Día Mundial da Fisioterapia estableceuse en 1996 pola Confederación Mundial de Fisioterapia (World Confederation for Physical Therapy) conmemorando a súa creación, en 1951, da entidade global que na actualidade representa a máis de 350.000 fisioterapeutas en 112 países.
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) é unha institución que representa a nivel autonómico aos máis de 2.400 fisioterapeutas que exercen na nosa comunidade. Os seus obxectivos son a salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia, a defensa e a promoción da saúde e o benestar dos cidadáns de Galicia, la colaboración cos poderes públicos, así como a promoción a nivel científico, cultural, económico e social dos fisioterapeutas colexiados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.