Por Xesús Veiga | | 03/10/2016
Matinando sobre o sucedido o pasado 25 de Setembro convén, antes de nada, exercitar a memoria.Nos últimos meses do ano 2008, o bipartito (PSdG-BNG), a pesar de que encaraba o remate da lexislatura exhibindo un balance razoabelmente satisfactorio na evolución dos índices que miden o benestar social dunha comunidade, tivo que aturar unha campaña mediática –promovida, fundamentalmente, polo principal grupo empresarial privado- que buscaba crear a opinión de que Touriño e Quintana eran uns vividores rodeados de bens de luxo e distantes do sufrimento dos sectores mais desfavorecidos da sociedade.Chegou o día das eleccións e xa sabemos o que pasou:o BNG perdeu un deputado na provincia da Coruña e Feijoo acadou os 38 escanos da maioría absoluta.As razóns dese resultado foron, sen dúbida, variadas pero no catálogo explicativo deben figurar aquelas inesquecíbeis portadas apocalípticas.
Agora, as imaxes comprometedoras das amizades perigosas de Feijoo deixaron paso a un menú con dous pratos:a creación e consolidación do mito da boa xestión presidencial e o aproveitamento intensivo de calquera oportunidade para afortalar a idea do caos asociado a unha eventual alternativa gobernamental da oposición.
Citemos un exemplo revelador da dualidade valorativa.Tres días antes de que rematara a campaña, Feijoo pediu explicitamente un apoio electoral para “elixir directamente” ao presidente da Xunta.A filosofía que estaba postulando non se compadecía coa letra e o espírito da actual Constitución:aquí non hai eleccións presidenciais; vótanse representantes parlamentarios que logo elixen á persoa que preside a Xunta.Ningún dos analistas habituais reparou e criticou esta nociva pedagoxía empregada polo dirixente do PPdG.Qué tería ocorrido se tal mensaxe fora emitida dende a Marea ou dende o BNG?As acusacións de populismo chavista estarían servidas dende o primeiro minuto.
É verdade que as razóns do triunfo do PP son mais amplas:a extraordinaria fortaleza dun partido dotado de notábeis redes consolidades dende as diferentes instancias do poder que usufrutúan; a conversión da campaña electoral nun plebiscito sobre a propia figura do presidente e as graves carencias amosadas pola oposición nos últimos anos.O dilema interesado difundido dende o “estado maior” do PPdG –ou Feijoo ou o caos- foi metabolizado por unha parte do electorado mediante a coñecida máxima:”é mellor o mao coñecido que o bo por coñecer”.
No novo ciclo político que se abre na política galega, o PP deberá resolver a sucesión do mitificado Feijoo e a oposición –encabezada por Luis Villares- terá que xestionar un obxectivo complexo:artellar a cooperación necesaria para ofrecer unha alternativa gobernamental críbel mantendo a identidade dos espazos electorais respectivos.
Un último aviso para os navegantes dos mares mediáticos.A totalidade dos medios escritos que se editan no territorio galego apostaron pola continuidade de Núñez Feijoo.Están no seu dereito, aínda que sería preferíbel que aparecera explicitado nas súas liñas editoriais como fan outros xornais europeos.Polo que estamos observando despois do 25-S, a campaña segue.Vindeira estación:asegurar que Rajoy manteña a presidencia do goberno do Estado.E para iso compre debilitar ao Partido Socialista e á Marea, aproveitando calquera oportunidade que lle proporcionen os dirixentes desas forzas.