A Xunta en funcións reparte case un 1,1 millóns entre os grandes medios dez días despois do 25S

Catro departamentos da Xunta realizarán diversas accións de publicidade institucional nas vindeiras semanas con contratos que fecha sen a constitución do novo goberno. Unha decisión que se adopta sen que se coñeza, aínda, un informe encargado polo propio Feijóo á Asesoría Xurídica da Xunta sobre o que pode facer un executivo en funcións.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O PPdeG non para de repartir diñeiro entre os grandes grupos mediaticos, nin tan sequera, sendo un goberno en funcións. Desde o pasado 25 de setembro, data dos comicios galegos, ata este mesmo martes –menos de dez días despois-- convocou xa catro concursos para repartir diñeiro público desde distintos departamentos.

A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos
A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos

A propia Presidencia da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Medios, Turismo de Galicia, a Consellería do Medio Rural e a da Presidencia e Administracións Públicas son os encargados de repartir case 1,1 millóns de euros en diversos programas de publicidade institucional. Uns contratos que se convocan cun goberno en funcións, a pesar de que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba no último Consello da Xunta que había que ser cauto en canto á aprobación de plans e proxectos públicos porque “aínda formaba parte dun goberno en funcións”.

“Este consello e os próximos, ata que o Parlamento da Xunta invista ao presidente, van ser máis breves que de costume para dar cumprimento a Lei de Transparencia e Bo Goberno da Xunta e para que as súas accións non comprometan, en exceso, a goberno posteriores. Por iso, diminuiremos os compromisos de gasto e decisións de carácter permanente ata que o próximo goberno tome posesión...A pesares diso, as cousas que poidamos facer, ímolas facer”, suliñaba no pasado Consello da Xunta o presidente galego.

E engadía; “a Asesoría Xurídica da Xunta está facendo un ditame para interpretar esa lei, que é a primeira vez que o imos facer tendo en conta que non houbo un cambio de goberno. Espero que no próximo consello teñamos esa instrución para orientar as decisións do goberno”. Polo tanto, estes catro novos concursos publicitarios foron aprobados sen ter en conta o ditame da asesoría da Xunta.

Turismo de Galicia e Secretaría Xeral de Medios

Entres estes contratos está un de 365.216 euros –sen IVE-- de Turismo de Galicia para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais e culturais de Galicia durante 2016, adxudicado xa a Proximia Havas. Esta mesma empresa foi a encargada de executar o mesmo tipo de contrato ata este outubro, pero por un montante total de 2,33 millóns de euros. O novo concurso que acaba de gañar é para executar nos tres meses que resta do ano. En total, esta empresa xestionará case 2,7 millóns de euros, a maior parte do cal irá a parar aos grandes grupos mediáticos.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Medios acaba de convocar outro de case 67.000 euros –Sen IVE-- para a elaboración, produción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma durante o período 2015-2016: Campaña do 4 de outubro e Día internacional dos animais. Un concurso que gañou o Grupo de Emjpresas de Comunicación Marketing e Investigación S.A.

Esa mesma empresa tamén foi a adxudicataria doutro concurso público da Consellería do Medio Rural de 208.000 euros –sen IVE--para a promoción do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 durante dous meses. Tamén a Consellería de Presidencia ten pendente de resolución outro concurso de 272.000 euros –sen IVE-- para desenvolver unha campaña publicitaria sobre "Mediación Intraxudicial".

Dez millóns

En total dende principios de ano, o Goberno Galego leva repartido, segundo o cómputo de GC –e sen ter en conta convenios privados ou non publicados--, máis de dez millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Un diñeiro que se reparte, principalmente, entre os grandes medios galegos.

Curiosamente, a última gran repartición de diñeiro público tivo lugar a un mes escaso das eleccións galegas, cando a Xunta destinou 550.000 euros en sendas campañas da Amtega e de Turismo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 bautista do unto

Hai que pagar os servizos prestados durante a campaña electoral

1 galegoexiliado

E procurar que os galegos sigan vendo a Galicia Virtual e non a real. O Paraíso de Feijoo, o país mais rico e desenvolvido do mundo, donde non hai paro nin pobreza nin cociñas económicas, nin emigración, nin pobreza infantil, nin recortes á educación, nin listas de espera na sanidade, nin...nin.... eso, o Paraíso Feijoniano.