Usar roupa axustada pode ter consecuencias negativas para a saúde

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) alerta dos riscos de usar estas prendas, como problemas circulatorios, alteracións xinecolóxicas, dores na columna lumbar, diminución da circulación sanguínea ou problemas respiratorios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/10/2016 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) advirte das consecuencias negativas para a saúde polo uso abusivo da roupa axustada. Así o salienta na campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, unha iniciativa dos fisioterapeutas de Galicia para previr problemas de saúde.

Os fisioterapeutas galegos alertan de que usar roupa axustada pode causar problemas de saúde
Os fisioterapeutas galegos alertan de que usar roupa axustada pode causar problemas de saúde | Fonte: CoFiGa.

Un primeiro indicio de que temos problemas de saúde polo uso de prendas axustadas é a aparición de marcas na pel. Así, no seu videoconsello de outubro, CoFiGa mostra que o excesivo uso deste tipo de roupa pode traer problemas circulatorios, como inchazóns ou retornos venosos, que poden favorecer a aparición de varices ou celulite. 

Vestir de maneira habitual roupa axustada pode tamén provocar alteracións xinecolóxicas, xa que ao favorecer a falta de transpiración pode producir a aparición de fungos. 

Por outra banda, CoFiGa lembra que debemos prestar atención á altura á que abrochamos o pantalón ou a saia, porque pode limitarnos o libre movemento da cadeira e a columna lumbar, producíndonos unha dor na zona que a longo prazo pode desencadear dor noutras partes do corpo.   

Polo que respecta á zona torácica, a roupa excesivamente axustada pode producir problemas respiratorios, ao dificultar o movemento fisiolóxico de expansión costal e evitar unha correcta respiración diafragmática. Neste sentido, os fisioterapeutas galegos aconsellan ás mulleres levar unha correcta medida de suxeitador,  xa que unha incorrecta pode provocar problemas na columna dorsal e dificultar a respiración: unha tira do suxeitador mal regulada pode causar dor no ombreiro, pola compresión, e na cabeza. 

A roupa axustada tamén pode obstaculizar unha correcta dixestión, ao favorecer o refluxo gástrico con sensación de acidez.  

Ademais, o uso inadecuado da medida da roupa pode causar unha diminución da circulación sanguínea, que xera un aumento de tensión ocular e da tensión da musculatura do pescozo.

12 MESES, 12 CONSELLOS DE SAÚDE

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións, conxuntamente cos colexios homónimos de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra, cun novo videoconsello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”. 

CoFiGa é unha institución que representa a nivel autonómico aos máis de 2.400 fisioterapeutas que exercen en Galicia. Os seus obxectivos son a salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia, a defensa e a promoción da saúde e o benestar dos cidadáns de Galicia, en colaboración cos poderes públicos, así como a promoción a nivel científico, cultural, económico e social dos fisioterapeutas colexiados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ted Flanders

Por fin explica-se o comportamento mental do PP!! o abuso de "diademas" deportivas excesivamente apretadas na práctica do running ten efectos negativos sobre a sinapse neuronal....