Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 16/12/2016 | Actualizada ás 14:00
Como xurdiu a idea de montar unha iniciativa para axudar as entidades non gubernamentais a conseguir recursos? Inspiráronse nalgunha outra iniciativa similar? Existe no país, ou existiu, algún proxecto similar?
A idea de Viável foi intensamente traballada, máis do que xurdir. O noso traballo de máis de 15 anos en entidades sen fins lucrativos permitiu comprobarmos que está habendo mudanzas radicais na forma en que estas responden unha das súas principais e históricas necesidades, a de sustentabilidade económica. Esa necesidade foi até agora atendida de forma interna ou por empresas que apuntan ás fontes tradicionais de financiamento, con destaque para os fondos públicos. É nese sentido onde Viável é único, porque aplicamos técnicas innovadoras, que até agora só estaban ao alcance de empresas e que van alén da simple concurrencia a subvencións, centrándonos na xeración de recursos propios ou na captación de financiamento privado.
Vostedes indican que a súa primeira misión é "axudar a que as entidades sen fins lucrativos sexan capaces de xerar autonomamente maiores recursos económicos provenientes de fontes estables e independentes". Pódese dicir que, en termos xerais, as ONG galegas tenden a depender demasiado das fontes de financiamento públicas? Débese a que é a saída máis facil?
Calquera entidade debería evitar superar un volume de 50% de financiamento a través de subvencións. Lamentabelmente, é frecuente porcentaxes de 70% ou 80% en subvencións, e o problema é máis grave á medida que o tamaño da organización é menor. Isto non é exclusivo do caso galego, se non un fenómeno que acontece en moitos países. Cando as subvencións existían, isto non era percibido como un problema nas organizacións sen fins lucrativos, e simplemente non se cuestionaba o financiamento vía subvencións, ou non se facía coa debida seriedade e urxencia.
Cambiou neste sentido a situación coa crise e os recortes nas administracións? Até que punto afectou a crise ao financiamento do terceiro sector?
De un lado, acabaron ou foron reducidas grande parte das subvencións con que se mantiñan estas entidades. Simultaneamente, desemprego, precariedade e cortes en servizos públicos derivaron para estas entidades moita xente que antes era atendida polo estado - por exemplo dependentes ou persoas con determinadas doenzas. E isto é válido tamén para outras áreas, como a cultural. Entón, ao mesmo tempo que as organizacións sen fins lucrativos teñen que atender máis persoas que nunca, as súas fontes de financiamento desaparecen. Isto está a destruir o a deixar na precariedade a maior parte das entidades, con excepción das de grande tamaño - que mesmo aumentaron recursos na crise. Estudos como o de 2015 a nível estatal, 'El tercer sector de acción social en 2015: Impacto de la crisis' , fan unha descrición ben interesante disto e chegan a conclusións claras: a supervivencia pasa pola xeración de recursos propios e por acceder a financiamento privado.
Que oportunidades ofrece a Internet e as redes sociais para lograr vías de financiemento procedementos do eido privado?
Permiten difundir máis, mellor e con menos gasto as causas que as entidades da sociedade civil promoven. Iso é interesante per se, mais ten impacto tamén sobre o financiamento. Pode que as plataformas de crowdfunding representen a maior disrupción dos últimos anos, pois podemos asegurar que millares de proxectos sociais foron viábeis grazas a elas. Con todo, iso non será abondo: nos próximos anos as entidades sen fins lucrativos deberán aprender a usar internet e redes sociais para a xeración de recursos propios, nunha forma análoga a como xa fan as empresas.
En moitos sectores da poboación xa é común doar pequenas cantidades para iniciativas culturais locais, por exemplo para axudar a unha banda que coñecemos a sacar o seu primeiro disco, ou tamén para colaborar en grandes causas, por exemplo donando a campañas internacionais de axudas aos refuxiados. Polo contrario, a penas hai noticias de ongs de ámbito local ou galego que lancen campañas de crowdfunding? A que se debe isto?
'Conversamos' no facebook con alguén en Brasil mentres subimos no elevador coa nosa viciña, de quen tal vez nin sabemos o nome. Algo diso hai, mais non imos entrar a fondo aí porque é un problema social complexo.
Débese ao descoñecemento por parte das ONGs galegas ou a falta de resposta dos cidadáns ante causas máis próximas?
A parte descoñemento sobre como facer unha campaña con visos de éxito, si admite accións inmediatas. De fóra pode parecer que unha campaña de crowdfunding é simplemente publicar un proxecto e esperar a que chegue o diñeiro, mais iso é erróneo. A definición, planificación, creación, mantemento e posterior xestión é complexa. Moitas entidades desisten desas campañas cando ven que ter posibilidades de éxito implica un coñecemento especializado e moito tempo. Precisamente, Viável fornece apoio para as campañas de crowdfunding nun dos seus servizos.
A parte de financiamento, que servizos pode atopar o xerente ou a directiva dunha asociación en Viável? Axudan vostedes, por exemplo, a conseguir material informático?
Centramos os nosos esforzos na consecución de financiamento e xeración de recursos propios. Para facelo, aplicamos diferentes técnicas que, chegado o caso, poden ser aplicadas individualmente, como o uso de metodoloxías de Xestión de Proxectos. Como complemento aos servizos ofrecidos ás entidades clientes, Viável tamén pode facilitar outras cousas, como por exemplo conseguir equipamento informático a custo reducido, grazas a parcerías estabelecidas con outras empresas.
De todas as barreiras que vostedes atoparan para lanzar o seu negocio, cales destacara?
As principais tiveron a ver precisamente co contexto de crise que sofremos. Como en todos os sectores, hoxe a decisión de compra é máis longa, informada e complexa.
Que medidas cre necesarias para facilitar o emprendemento social?
Sobre o emprendemento: Hai que facilitar emprender ou, mellor, hai que crear postos de traballo dignos e de calidade en organizacións de maior tamaño, con marxes maiores e economías de escala máis potentes? Os cinco países máis emprendedores son Uganda, Brasil, Tailandia, Camerún e o Vietnam. Entre os menos emprendedores están Italia, Xapón ou Francia. Por tanto, as medidas non deben encamiñarse a 'facilitar' o emprendemento, senon a melloralo. E, para nós, iso significa que o emprendemento sexa realizado con fins sociais, non de enriquecemento. Así, no curto prazo estas deben partir da propia sociedade, xa que a estrutura política vixente non ten os fins sociais, e si os puramente lucrativos, entre as súas prioridades. Iniciativas como as REAS ou a propia Viável queren, precisamente, avanzar nese campo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.