Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/12/2016 | Actualizada ás 18:00
Facer máis exercicio e apuntarse ao ximnasio, perder peso e deixar de fumar, son algúns dos propósitos que nos marcamos cada ano. Un 12,6% da poboación decide ao principio do ano apuntarse a un ximnasio para conseguir mellorar a súa forma e estado físico, algo que só consegue un 30%, segundo apunta o estudo anual de consumo Showroomprive. No caso de incrementar a actividade física e apuntarse ao ximnasio, os fisioterapeutas galegos recomendan realizar previamente un estudo articular e muscular. Tras unha valoración musculoesquelética, o fisioterapeuta informaranos se estamos en condicións óptimas para afrontar o reto exposto e recomendaranos o tipo de actividade física deportiva que nos poida resultar máis adecuada.
O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) tamén lembra que apuntarse a un ximnasio para ter unha condición física máis saudable require disciplina e constancia, polo que é necesario coñecer as posibilidades que cada un ten respecto do seu propio estado físico e de saúde, así como o tempo dispoñible. Por iso, recomendan comezar de forma progresiva coas actividades máis adecuadas e ter unha programación que permita progresar nelas, de maneira que mes a mes o obxectivo dunha mellor forma física se verá cumprido.
O ideal, segundo os fisioterapeutas, é marcarse uns obxectivos, argumentar por que queremos realizalos, escoller prioridades, planificar como o imos a realizar, e poñer a lista nun lugar visible para que sexa un recordatorio.
Xa no ximnasio, para evitar lesións é necesario seguir unhas pautas básicas e ter especialmente coidado coa intensidade (carga ou peso co que se traballa), a frecuencia (número de repeticións e series) e a duración (tempo que se dedica aos exercicios en particular e ao ximnasio en xeral). Tamén é necesario aprender a manter unha boa hixiene postural e vixiar en todo momento a posición das nosas costas durante a realización dos exercicios.
É así mesmo recomendable seguir unha progresión na intensidade dos exercicios. É mellor exercitarse durante máis tempo e a un nivel moderado, que durante poucos días e a unha intensidade demasiado alta. Segundo os expertos, non ten sentido querer ir rápido, xa que os resultados non serán visibles ata pasado uno tempo de traballo continuo e constante, polo que o ideal é empezar con exercicios de baixa intensidade ao principio e ir aumentándoa aos poucos co paso dos días, cando o corpo se vaia afacendo e vaia gañando ton muscular.
De igual maneira, os fisioterapeutas aconsellan dosificar o tempo que pasamos no ximnasio. É un erro pensar que é o mesmo traballar 4 horas durante un día e non volver en toda a semana, que ir unha hora catro días á semana. O máis recomendable, din o expertos, é acudir uns 3 ou 4 días por semana, non máis de hora e media ao día.
Para que os resultados do exercicio sexan visibles, o corpo necesita descansar para poder recuperarse e que a musculatura se rexenere. Por iso é recomendable facer un plan e alternar as xornadas dedicadas ao ximnasio.
Ademais, realizar sesións de polo menos 10 minutos de quecemento antes de comezar os exercicios no ximnasio e outros tantos 10 minutos de estiramentos ao finalizar, axudaranos a evitar lesións.
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións, conxuntamente cos colexios homónimos de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra, cun novo videoconsello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.