Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2017 | Actualizada ás 10:00
“Bravucón”, “extorsionador” ou “coruñesista”. Estes son, entre outros, algúns dos apelativos cos que El Correo Gallego se refire a Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia, citando “fontes consultadas” , nunha información na que fala sobre o “desmantelamento” de V Televisión, a canle televisiva do grupo Voz.
Este duro ataque do xornal santiagués chega xusto un día despois de que La Voz de Galicia se fixera eco da gran débeda que arrastra El Correo Gallego de máis de 16 millóns de euros, sobre todo con Abanca e Lico Leasing. “La Voz desmantela Voz Televisión tras retirarlle os seus socios o apoio económico”, contrarrestaba El Correo Gallego noutra noticia publicada este sábado e no que fala da mala situación polo que atravesa a canle televisiva do Grupo Voz.
Tanto El Correo, como La Voz, publican informacións que xa deu Galicia Confidencial hai semanas. Neste caso os dous medios as utilizan interesadamente para atacarse mutuamente nunha confrontación de intereses mediaticos dunha virulencia que hai tempo que non se vivía entre os grandes grupos do país.
De feito, El Correo Gallego non dubida en detallar, citando fontes consultadas, todo o proceso de “desmoronamento” de Voz Televisión e dos intentos do seu editor, Santiago Rey, para intentar mantela grazas aos apoios dun “lobby coruñés” mesmo, di, a través da súa “bravuconería e intentos de extorsión”.
A HISTORIA DE V TELEVISIÓN
Así o conta El Correo:
“Tras conseguir unha das dúas licenzas que outorgou a Xunta para a implantación da TDT, Santiago Rey, presidente e editor do grupo coruñés, convenceu a José Luís Méndez, daquela máximo responsable de Caixa Galicia e da Corporación Caixagalicia, para que sufragase os gastos dunha televisión que, segundo fontes próximas a aquela negociación, 'ía servir os intereses do lobby coruñesista'. Foi, precisamente, nunha reunión na Zapateira onde se fraguou todo: Santiago Rey, coa inestimable axuda de José Luís Méndez, logrou montar a canle de televisión co apoio económico doutros dous empresarios.
Caída en desgraza. Un respaldo que se mantivo uns anos nos que Méndez, sinalado como un dos culpables do fracaso das caixas e defendido contra vento e marea pola Voz, pasou a ocupar cargos directivos aínda que de forma simbólica, sobre todo tras a súa caída en desgraza pola venda da entidade resultante da fusión das antigas caixas a Abanca... era un estorbo para o editor coruñés de face ao futuro.
'Os responsables de Voz Televisión', engaden as fontes consultadas, 'levan tres anos tentando que novos investidores ocupen os lugares dos socios iniciais. Chamaron varias veces ás portas dalgúns empresarios coñecidos, que non estaban polo labor tras o fracaso sufrido na compra de acciones de NCG'. 'Tamén tocaron a outras empresas coruñesas que non quixeron sumarse a un proxecto que facía augas por todas partes', engaden.
Convencido Santiago Rey, e o seu reducido equipo de conselleiros directos, de que o empresariado coruñesista empezaba a estar farto 'das súas bravuconerías e intentos de extorsió'?, frase textual pronunciada por un dos nosos interlocutores durante a mañá de onte, decidiu explorar a vía das entidades bancarias.
Foi o caído Ángel Ron, presidente do Banco Popular, o primeiro que recibiu unha petición, vía Banco Pastor, por parte dos responsables do grupo mediático da Coruña. A resposta foi negativa. 'Os medios de comunicación son grupos de risco e os números de Voz Televisión non a facían viable', aseguraba onte mesmo unha persoa relacionada co Banco Popular que, por razóns obvias prefire manter o anonimato aínda que foi rotundo ao sinalar que 'a petición existiu aínda que agora alguén o pretenda negar'.
Tamén chamou Medios Dixitais de Galicia S.A. (a empresa presidida por Santiago Rey que xestiona a división audiovisual do Grupo Voz) ás portas de Abanca e o BBVA. Ningunha das persoas contactadas na primeira entidade quixo comentar nada sobre este asunto 'por razóns obvias, aínda que a posibilidade de que Abanca participe en medios de comunicación é, agora mesmo, inexistente', mentres que na segunda, o BBVA, sinalaron que 'é público que mantemos un acordo de colaboración con La Voz de Galicia sobre temas informativos¡.
Unha vez fallados todos os intentos foi cando os responsables da Voz, ante a tesitura de ter que seguir asumindo as perdas millonarias da canle de televisión, optaron por proceder a desmantelar Voz Televisión. O primeiro paso foi suprimir o programa estrela Vía V e recolocar a Fernanda Tabarés, membro do núcleo duro do editor, no posto de Carlos Carballo, o profesional que puxo en marcha a División Audiovisual da Voz e que se atopa negociando a rescisión do seu contrato'".
VIOLACIÓN DOS COMPROMISOS POLOS QUE GAÑARON AS TDT
El Correo Gallego tamén alude aos despidos protagonizados en Voz Televisión e sinala que V Televisión mantén menos do 20 % do cardo persoal ao que se comprometeu cando a Xunta lle adxudicou unha das dúas canles autonómicas de TDT (a segunda, adxudicado a Popular TV de COPE, leva tres anos sen operar).
O certo é que, tal e como tamén xa publicou GC, a práctica totalidade de adxudicatarios de TDT en Galicia -entre os que está Correo TV- levan lustros incumprindo, nun grao ou outro, os compromisos de emprego e programación polos que recibiron puntos para gañar as súas frecuencias, sen que a Xunta mova un dedo para facerllos cumprir.
“A maior parte dos postos están a ser cubertos por persoal en prácticas, por alumnos do máster da Voz e por estudantes de diversos ciclos de audiovisuais que manteñen convenios coa empresa. A eses hai que engadir o persoal do xornal nas delegacións que foron obrigados pola empresa a gravar imaxes en vídeo para emitir en Voz Televisión ou na propia web, sempre segundo as fontes consultadas”, relata El Correo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.