Por Galicia Confidencial | Culleredo | 25/01/2017 | Actualizada ás 11:25
“Hai que buscar acordos sempre, non hai outra solución, porque senón se paraliza a actividade dos concellos”. Así de contundente se amosa un dos alcaldes máis veteranos do PSdeG en Galicia, Julio Sacristán, que goberna desde 1983 en Culleredo.
Precisamente, Sacristán, que tamén é secretario provincial do PSdeG na Coruña, acaba de chegar a un acordo coa Marea Veciñal para sacar adiante os orzamentos e evitar a parálise do concello. E, por iso, insistiu este martes na necesidade de que os partidos de esquerdas cheguen a consensos para non ter a un municipio “completamente parado”. “E se están paralizando concellos sen presentar alternativas”, suliñou nunha rolda de prensa no concello para dar conta do acordo coa Marea. “E eu me nego a aceptar iso, que non se poidan acadar acordos municipais entre grupos en temas mínimos”, indicou.
Por iso, e preguntado sobre a situación na Coruña, onde os socialistas son reacios a pactar coa Marea Atlántico, Sacristán foi directo. “Eu falo desde o meu de Culleredo. Na Coruña son autónomos, pero se me preguntas cal é a miña postura, desde logo, é a chegar a acordos”, indicou. “E non creo que sexan tantas as diferencias, e se hai diferencias insalvables pois se deben aparcar. O que ten que haber é confianza, como fixemos nós aquí, e discutir as propostas unha por unha con pros e contras. O que resolven os problemas é chegar a acordos e levalos á práctica”, engadiu.
Neste sentido, indicou que na Coruña hai dúas alternativas “ou moción de confianza ou moción de censura”, e, dixo, “calquera das dúas me parece unha perda de tempo”. “O PSdeG é un partido de goberno e non entendo como se poden paralizar as administracións por non pactar. Hai que chegar a acordos e ten que haber un mínimo denominador común que nos una neses acordos”, incidiu.
De feito, os socialistas están chegando a acordos coas mareas en toda a área coruñesa xa que, ademais de Culleredo, houbo acordos tamén en Cambre e Bergondo. Acordos aos que tamén aludiu o propio Sacristán para insistir na necesidade dun consenso na cidade herculina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.