Estou a punto de entrar no que ata hai pouco se chamaba a mediana idade e non teño permiso para conducir, nin sequera o dun Vespino. En Galicia, se cadra máis que no resto do mundo occidental, ter carné e símbolo de entrada na idade adulta, máis ca ter relación sexuais non digamos o dereito ao voto. Algún lector xa estará a preguntar como é posible ter unha vida normal en Galicia cun tal estado de virxinidade rodoviaria. Quen teña lido columnas anteriores xa sabe a resposta: vivo en Bruxelas desde o comezo deste milenio.
En Bruxelas, cidade dun millón de habitantes acugulados nun espazo pouco maior có termo municipal da Coruña temos o que os ingleses din o “embarrassment of choice” de transporte público. Diante da miña casa pasan non menos de cinco liñas de bus e teño o metro a 3 minutos e a 10 minutos unha estación de tren que me leva en 15 minutos ao aeroporto, en 2 horas no Eurostar a Londres (desde onde estou a escribir isto), Colonia, París , Ámsterdam e vía os aeroportos de Bruxelas e París – unidos como están por esa mesma liña de tren- co resto de Europa e do mundo. Non só iso: a rede de Bruxelas é inusual porque é reticular. É dicir, para ir dunha punta a outra non hai que pasar polo centro da cidade senón que as liñas de metro, bus , tranvía e tranvía-metro están deseñadas en rede. Un pode ir dun barrio marxinal a onde viven os ricos sen ter que cambiar de modo de transporte. Evitase así que o transporte público contribúa a segregación social e espacial. Ademáis é integrado, os horarios de todolos transportes públicos están integrados e disponibles en google ou calquera outra web, o bono transporte é intermodal e deixate cruzar o tood país dunha punta a outra.
Xa haberá máis dun leitor a rosmar, “xa está un destes emigrados a dicir que todo o de fóra é bo nametres que o da casa é una trapallada”. Argumento doado para desbotar calquera debate. Certo é que Bruxelas benefíciase dun pasado próspero que permitiu ter mesmo excedente de obras públicas. Sen embargo non hai que ir tan lonxe: cada vez que aterro en Porto -aeroporto inevitable para calquera persoa do sur de Galicia- miro con envexa a calidade do transporte metropolitano integrado desa cidade. Se Portugal é exótico demais para esa crecente masa de galegos que se cren veciños de Madrid, ver as políticas de transporte en Asturias. Non falemos de Euskadi e a súa rede de buses que chegan todas as aldeas.
Non é cousa de investimento – do que por outro lado tivemos a fartar nestes últimos trinta anos – senón de vontade política e, antes ca iso, conciencia cívica. En Galicia polémicas recentes coma a da negativa a instalar o transporte metropolitano na área da Ría de Vigo amosan que a estas alturas da vida o principal problema. O máis chocante e escoitar a xente que non vive nas cidades xustificar, e asumir coma lóxico, que non haxa transporte público entre as aldeas, vilas e cidades galegas. Mesmo en áreas nas que económicamente isto é factible coma as Rías Baixas. Compréndese que a falcatruada da renovación das concesións de buses de hai 50 anos, por outro medio século máis, despertara apenas interese, tendo que vir a xustiza europea a tentar resolver unha desfeita puramente galega. Veremos se ó final hai sorte.
O problema fundamental é a falta de valores cívicos. Non se piden máis transporte público porque no fondo non se quere. Todo o mundo quere o seu carro de bois a gasoil. Contanme que para ir ao Marineda City herculino, disque o maior centro comercial do mundo universal, si hai buses pero que só van neles os inmigrantes, os estudantes e os vellos-paisanos. Eu podo aportar un caso recente: o día antes de reis quedei pra un churrasco á unha en Meaño. Isto supuxo que me deixaran na estación de Redondela ás 9. Dezasete minutos ata Pontevedra. Empezamos moi ben pois. Ademais, cousa incrible, a estación de bus está fronte á do tren. Viva a intermodalidade. Claro, chegas á estación e aquilo é un deserto, apto para atopar o amor prohibido nos cuartos de baño e pouco máis. Sí que hai información, como tamén a empresa concesionaria ten un horario alambicado na súa web. A pesar da subvención pública non hai obriga de por tódolos horarios nunha base común e de uso aberto para Google ou calquera outra empresa os reutilice. Houbo unha subvención europea para iso, pero a aplicación desenrolouse pero nunca se chegou a usar. Por non falar das “paradas consuetudinarias”, sen horario nin marca algunha. Ás 11 collo o bus. Subimos cinco en todo o traxecto. Chego a Meis á media hora, polo que aproveito para tomar outro café precisamente no bar Bruxelas -nos 70 emigraran moitos aquí- ata as 12 que pasan a recollerme. Logo dunha boa churrascada en Dena e licor café e tertulia en Meaño resulta que xa pasou o bus polo que me achegan a Pontevedra a iso das 7. Resulta que non hai nin tren nin bus ata as 8.40. Total, chego á casa as 10.30 da noite. Porque estás de vacacións e o tomas como un safari pola Galicia real, pero compréndese que o que pode o primeiro que fai calquera é motorizarse.
O fundamental, nembargantes, non é que se invista pouco e mal nos transportes públicos, se priorize activamente o transporte privado ou as leas localistas. O máis relevante é que ata os propios afectados ven como lóxico e normal este estado de cousas. Nunha sociedade crecentemente avellentada e cunha grande precariedade laboral a falta de transporte público é unha fonte de desigualdades moito maior que os desafiuzamentos ou a violencia doméstica. Pero como non está na axenda mediática madrileña na progresía daquí isto non interesa.