Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2017 | Actualizada ás 09:21
O Congreso dos Deputados aprobou este mércores, na súa Comisión de Fomento, a Proposición Non de Lei (PNL) de En Marea que insta ó Goberno a realizar a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia. A iniciativa tivo 20 votos a favor e 17 en contra, co voto a favor do PSOE, ERC, PNV, Compromís e EH Bildu.
A través dun comunicado, o deputado ourensán do PP Celso Delgado censurou "a demagoxia partidaria" de En Marea e resaltou que xa se creou unha comisión bilateral Xunta-Goberno para compartir as decisións sobre a citada autoestrada.
O PPdeG enlámase así máis na súa contradición, pois no Parlamento de Galicia votou en varias ocasións a prol da transferencia.
“Sacaron da chistera a creación dunha Comisión de seguimento, coa intención de acougar as aspiracións dos galegos e galegas a ter unha autopista transferida e gratuíta, para afrouxar a presión social que existe sobre esta demanda, pero sen comprometerse a nada e sen obxectivos moi claros”, asegurou a deputada de En Marea Ánxela Fernández.
O PSOE pola súa banda mostrou o seu total apoio a esta iniciativa e ata cominou ao PP a apoiar esta PNL para seguir o mandato do Parlamento galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.