O Día da Ciencia é para Baltasar Merino, pioneiro da botánica e da climatoloxía en Galicia

A homenaxe da Real Academia Galega de Ciencias coincide co primeiro centenario do falecemento do investigador xesuíta, autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega e dos primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/03/2017 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

O botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román (1845-1917) será o homenaxeado este ano con motivo do Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co primeiro centenario do falecemento do investigador, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta do papel de Merino como o autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega, á que se suman os primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.

O botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román (1845-1917).
O botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román (1845-1917).

Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 4 de outubro, a RAGC xa iniciou os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e aos seus campos de coñecemento para comezar a organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Merino, unha tarefa para a que xa se conta co compromiso xa habitual da Fundación Barrié.

Baltasar Merino naceu en 1845 en Lema (Burgos) e, con 15 anos, ingresou na Compañía de Xesús, onde se formou en Filosofía, Humanidades e Retórica e se ordenou sacerdote. Foi enviado a Cuba, Estados Unidos, Francia e Porto Rico, destinos nos que iniciou o labor docente que o levaría en 1880 a Galicia, onde viviu ata o seu falecemento en 1917 (Vigo) e desenvolveu toda a súa faceta científica.

Durante vinte anos, Merino impartiu docencia no Colexio Apóstolo Santiago en A Guarda, Pontevedra, fundado polos xesuítas en 1876 e orixe da Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comillas. O centro contaba cun avanzado observatorio meteorolóxico do que Merino foi director na súa época de maior esplendor. Un dos seus alumnos naquela época foi o astrónomo Ramón María Aller.

No ano 1900, con 55 anos de idade, deixou a docencia para dedicarse en exclusiva á investigación, faceta na que se iniciara pouco tempo antes. Os seus traballos en botánica caracterizáronse por un grande esforzo empírico de recollida de mostras e observación, nun momento no que a carencia de medios e de bibliografía sobre o tema eran limitacións que el supliu con iniciativa e co apoio de destacados botánicos da época como Carles Pau.

A obra máis destacada de Merino foi a Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia, publicada en varias entregas entre 1905 e 1909. Trátase do primeiro inventario exhaustivo do manto vexetal galego, cun total de 1.845 especies, moitas delas descoñecidas ata daquela, que serían ampliadas en sucesivas “Adiciones”.

Segundo a catalogou a Real Sociedade Española de Historia Natural, trátase da primeira flora rexional completa de España. Para elaborala, ademais de realizar numerosas expedicións por toda Galicia, contou coa colaboración de antigos alumnos, cregos das parroquias rurais e outras persoas que lle facilitaban informacións e mostras.

Ademais de varias remesas que foron parar ao Xardín Botánico de Madrid, as súas coleccións consérvanse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra), no IES Sánchez Cantón de Pontevedra e no Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago.

Merino foi membro fundador, en 1909, da sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural, da que foi presidente honorario. En 1915 foi elixido director honorario da Académie Internationale de Géographique Botanique.

O seu interese pola meteoroloxía non só o levou a relacionala de xeito pioneiro coa botánica, senón que achegou visións innovadoras para a época merecedoras do recoñecemento dos expertos. A el débenselle os primeiros traballos de climatoloxía aplicada que se realizaron en Galicia, tomando como referencia datos obtidos na Guarda entre 1881 e 1890, con avanzadas gráficas de evolución de temperatura, humidade e precipitación.

Ademais de ser un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España, a súa recomendación de usar o barómetro para predicir as borrascas atlánticas valeulle as loubanzas do director do Observatorio Meterolóxico de Lisboa. Esta recomendación foi publicada pola prensa española e portuguesa a raíz da traxedia que provocou un temporal costeiro en Póvoa de Varzim en 1892, co falecemento de máis de cen persoas, e que Merino propoñía evitar de cara ao futuro xeralizando o uso do barómetro, principalmente entre os pescadores. “En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante coste, de agardar é que os que se confían casi diariamente á mercede das ondas e dos ventos se fagan con tan precioso aparato", escribiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta