Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/03/2017 | Actualizada ás 16:19
As prestixiosas revistas científicas JACS (Journal of the American Chemical Society) e Nanoscale fanse eco das recentes contribucións desenvolvidas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago, o CiQUS, polos científicos Lionel Ozores e Alberto Fuertes, artífices de dous novos elementos deseñados para as diminutas máquinas moleculares.
No primeiro dos casos, os investigadores crearon unha cápsula a xeito de colector: un 'recipiente’ baleiro que pode albergar moléculas con propiedades complementarias ás da cavidade, que posúe a facultade de 'atrapalas' ou 'liberalas'. Segundo explica Lionel Ozores, “falamos dun proceso reversible e controlable a partir das condicións ambientais, que podería ter aplicacións no desenvolvemento de novos sistemas de transporte de fármacos, así como en novas estratexias destinadas á limpeza molecular, encapsulando moléculas nocivas para reducir a súa toxicidade”.
A segunda aproximación presenta unha nova estrutura de gran utilidade, xa que se trata do primeiro tubo molecular que contén unha zona máis estreita, a través da cal os fluídos se desprazan a maior velocidade. Na escala macroscópica, este tipo de dispositivos –coñecidos como tubos de Venturi– empréganse para medir a velocidade dun fluído, e as súas aplicacións son numerosas en múltiples ámbitos: tubos de aspiración utilizados en clínicas dentais, bombas de auga usadas en acuarios, carburadores...
Non obstante, a meirande utilidade destes tubos de Venturi reside no seu papel como modelos de estudo das proteínas implicadas no transporte de iones, pola súa similitude estrutural. “Estas proteínas xogan un papel fundamental no noso sistema sensorial, e o seu mal funcionamento dá lugar a múltiples trastornos ou enfermidades”, afirma o primeiro autor do traballo, Alberto Fuertes, quen se amosa optimista perante as novas 'pezas' obtidas: “Agardamos que estes compoñentes supoñan un novo paso cara ao desenvolvemento de máquinas moleculares que permitan mellorar o noso modo de vida”.
Ambos traballos foron dirixidos polos profesores da USC Juan Granja e Manuel Amorín, informa a institución académica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.