Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/03/2017 | Actualizada ás 12:49
Con motivo do centenario do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), o buque oceanográfico Ángeles Alvariño —un dos máis modernos e sofisticados de España— recibirá a quen se achegue a coñecelo no Peirao do Comercio do Porto de Vigo, desde o 14 ao 17 de marzo de 2017.
O percorrido polo barco incluirá a visita á ponte de mando, cuberta, laboratorios e zonas de traballo, así como o comedor, a cociña e os camarotes, para ofrecer unha visión completa da instrumentación e equipos que se utilizan nas campañas oceanográficas, pero tamén de como se traballa nun buque de investigación oceanográfica e como vive a bordo o seu persoal.
Os visitantes estarán acompañados en todo momento por persoal da tripulación, que actuará de anfitrión e irá explicando as características e usos. Tamén se instalará no peirao un colector-laboratorio que se mostrará ao público.
A visita ao barco complementarase cunha exposición divulgativa que se instalará na nave A Andrómena, preto do barco. Alí presentaranse os equipos que se empregan a bordo, que información se recolle, como se interpreta e aplícase ese coñecemento, así como curiosidades da vida do persoal científico no mar.
Persoal das principais liñas de investigación do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO responderán as preguntas e achegarán as súas explicacións sobre diversos temas, como os ecosistemas profundos, os recursos vivos e a pesca, a oceanografía e a contaminación, o plancto e as mareas vermellas.
Ademais, poderase visitar unha mostra do instrumental antigo que se utilizaba outrora nas investigacións oceanográficas.
Os visitantes tamén poderán conseguir un recordo da súa visita facéndose unha instantánea nun photocall, que se instalará na nave A Andrómena.
As visitas para o público realizaranse do 14 ao 17 de marzo desde as 16:00 ás 19:00 horas (última entrada ao barco ás 18:00 horas). O aforamento será limitado, polo que se atenderán as inscricións por rigorosa orde de recepción, que deberá realizarse o mesmo día da visita desde as 15.30 horas na Nave da Andrómena, nas proximidades do buque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.