O calcetín

Maxistral a reportaxe sobre Baltar Júnior no Xornal Galicia do pasado domingo. Na fotografía de cabeceira o fillo natural que tamén quere ser fillo político amosa fachendoso un calcetín usado de John Lennon, peza de coleccionista, disque.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 29/01/2010

Comparte esta noticia

 O meu avó, que era un cachondo, seguía ese galaico e misterioso costume de gardar algún billetiño dos grandes nun calcetín de la, dentro dunha bota de coiro, debaixo do caixón onde se preservaba a documentación antiga da casa, no vello cuarto do Dositeo. Seica esa manía colleuna na guerra; gardar algún billete no carpín non viña mal. Acordo unha vez que o vello fóra ver o estado dos seus aforros e sacou un billete coa faciana dos Borbóns roída polos ratos. Esmendrellábase coa risa, que hai cousas que non teñen prezo, el que sempre foi medio republicano, de Pirenaica no serán.
 

O meu avó chapurreaba, por deformación profesional, os latíns dos canteiros e dos zoqueiros, e chamáballe aos calcetíns “carpíns dos pinreles”. Os carpíns foron e seguen sendo un soporte material da economía política galega, coma o xamón que había que agasallar para entrar a traballar na RENFE. Dentro destas coordenadas é doado maxinar unha conversa deste estilo: El queres traballo na Deputación? Si… e aí é cando vén a canción tradicional aquela que dicía senón me da-lo calcetín, senón me da-lo calcetín!!! De aí vén que o calcetín de Nadal non o encha en Ourense Papa Nöel, senón o Abaltador, unha figura mítica do imaxinario colectivo, amigo dos nenos, sobre todo en época eleitoral. Tamén non custa nada maxinar o corifeo de Santa Cruz de Arrabaldo (85 voces) cantando aquilo, despois da foto  de rigor: Los de la banda estamos aquí, con un camisón con un calcetín… e Baltar Sénior tocando o trombón: Sino eres del PP, jódete.  Puro folklore do que gostaba don Vicente Risco, ese atlante-referente do baltarismo do século XXI, esa tendencia estilística que bota man dos carpíns de executivo agresivo porque o mandan dende Madrid, porque se por eles fose andarían con calcetíns de la de Adolfo Domínguez, for por ourensanismo, for por comodidade, for por capacidade de almacenaxe.
 

O dos calcetíns dívos moito dun maneira de ver a res publica. Un meu colega, coidador do castelo de Vimianzo e experto na 2ª Guerra Mundial, definiu perfectamente o fascismo italiano de Mussolini como algo cheo de “lamparóns de graxa e petrinas que cheiran a pis”, ao que eu engadiría “e calcetíns suados”. Porque a patética loita interna do PP de Ourense cheira a calcetín suado. Agardemos que os acontecementos non nos fagan pronunciar ese dito castizo que sempre me fixo moita gracia: “Esto es peor que pegarle a un padre con un calcetín sudado”. E eu, de ser o patriarca Baltar, andaría con coidado, termando do trombón, por si escaso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA