Máis de 48.000 permisos para acceder á Praia das Catedrais durante Semana Santa

Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre a maneira de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2017 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia disporá máis de 48.000 permisos para facilitar o acceso ao monumento natural da Praia das Catedrais durante o período de Semana Santa.

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais | Fonte: Europa Press

Así o adiantou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante unha visita a este monumento, onde avanzou que desde este venres e durante o período de Semana Santa será necesario contar co permiso para poder acceder ao Monumento Natural.

A directora xeral sinalou que, con esta acción, dáse continuidade ao Plan de conservación deste espazo, que establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta (Semana Santa e os meses de xullo, agosto e setembro) para preservalo.

Ana María Díaz defendeu que a medida adoptada e establecida pola Xunta, a de limitar a afluencia masiva de visitantes, foi "un acerto" porque "ademais de asegurar que o visitante poida acceder ao areal", evita "un feito máis importante e preocupante, como é o de producir alteracións no hábitat das especies, e mesmo nos procesos erosivos da área".

Esta semana Santa manterase a mesma repartición que se estableceu o ano pasado. Deste xeito, as 4.812 autorizacións repartiranse por cotas entre distintas entidades públicas e privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto, un total de 3.730; mentres que outras 480 autorizacións serán xestionadas pola Mancomunidade de concellos da Mariña lucense, 240 polo Clúster de Turismo de Galicia e 200 polos hoteis de Ribadeo, mentres que as restantes serán para as persoas que se acheguen á zona empregando o transporte público.

Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre a maneira de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese. Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcadoiro e de axudar aos condutores a atopar unha praza.

Tamén este ano volverase a ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de 30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 André

Praia de Augas Santas nom das Catedrais.