Cal é o futuro dunha das principais especies en perigo de extinción, a píllara das dunas

Co desastre do Prestige acentuouse o risco de declive da píllara das dunas en Galicia, única comunidade de cría en toda a costa española atlántico-cantábrica. Esta especie aniña nas praias ao longo da costa galega. En 2016 había só unhas 80 parellas reprodutoras, a maior parte dela nas zonas do Barbanza e Costa da Morte. María Vidal, a principal defensora desta especie en Galicia, describe nesta entrevista a súa situación.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 10/04/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

María Vidal Malde é doutora en bioloxía e investigadora do grupo de Biodiversidade Animal na Universidade de Santiago de Compostela. A súa paixón e a súa vida é o estudo e protección da vida salvaxe. Na actualidade, coordina con administracións, ongs e voluntarios o programa de conservación dunha das aves en maior perigo de extinción de Galicia: a píllara das dunas, tamen chamada píllara papuda, para tentar salvar á especie da súa fin. Científica e amante da natureza considera que o respecto das leis de protección ambiental  e a educación son as claves para evitar a extinción en Galicia doutra especie máis.  A píllara non podería atopar mellor aliada que María para a súa salvación.

Pitiño de Píllara das dunas
Pitiño de Píllara das dunas | Fonte: Axena

Os riscos máis importantes para a especie son de orixe humana: o uso de máquinas cribadoras para “limpar” as praias que esmagan niños e pitos (a retirada de materia orgánica dos areais dificulta ademais que os pitos poidan esconderse e camuflarse), os cans sen correa que depredan ás crías e a falta de coñecemento e respecto por parte das persoas, están a provocar que o éxito reprodutor  da píllara das dunas no ano 2016 fose de só 0,6 pitos voados por parella, e iso que cada parella fai varias postas por tempada.

María, es probablemente a persoa que máis fixo en favor  da píllara das dunas en Galicia, que é o que che levou a traballar tanto por esta especie en concreto?
A min gústame máis falar de equipo –María  sorrí ante a nosa primeira pregunta-. Na Universidade de Santiago de Compostela, o grupo de investigación BIODA (Biodiversidade Animal) leva décadas dedicado ao estudo da bioloxía de vertebrados, con especial incidencia na conservación e manexo de especies ameazadas. No meu caso, antes de terminar a carreira empecei a colaborar con este grupo no seguimento da bioloxía reprodutiva  da píllara. Nese momento, a especie estaba considerada provisionalmente como “sensible á alteración do seu hábitat”, pero a información era escasa e, por tanto, era necesario profundar no seu estudo para dilucidar o verdadeiro grao de ameaza -que xa se intuía elevado confésanos-.

Así que nos primeiros anos de seguimento o noso obxectivo era avaliar o seu estado a nivel galego para establecer criterios de manexo da especie e o seu hábitat que lle permitisen asegurar a súa pervivencia nas nosas costas. Pero entón chegou o Prestige e, literalmente, entrounos o pánico. Nese momento démonos conta de que facía falta todo o noso esforzo para asegurar a súa supervivencia e, a partir de aí, a miña dedicación foi absoluta.

A túa tese doutoral centrouse no impacto da catástrofe do Prestige nas poboacións de píllara das dunas  canto afectou ese naufraxio á especie?
Evidenciouse un  inmediato declive tras a catástrofe. A distribución dos exemplares ao longo da costa galega experimentou ademais importantes cambios, diminuíndo o número de efectivos nas praias tradicionais de cría para desprazarse a praias máis pequenas e mostrando, en conxunto, unha maior dispersión. As aves reaccionaron cambiando a súa posición en resposta aos cambios producidos na dispoñibilidade de alimento e á intensa ocupación humana relacionada coas tarefas de limpeza nas praias máis afectadas.

Desde o primeiro momento observouse a presenza de manchas de fuel  na plumaxe e importantes concentracións de diferentes derivados do petróleo nos ovos. Os nosos resultados mostraron a existencia de efectos prexudiciais do fuel na súa capacidade reprodutora, alteracións na condición física das femias, nas características estruturais dos ovos e no esforzo reprodutivo. En liñas xerais, houbo unha diminución da fertilidade e da capacidade dos adultos para afrontar a incubación.

Poderiamos falar ademais dos efectos colaterais importantísimos para o seu futuro: como a apertura de multitude de pistas de acceso a praias de cría, ata entón de uso humano moi limitado, ou as cribadoras/tamizadoras que o Prestige deixou en herdanza a moitos concellos e que estes seguiron utilizando durante anos para “limpar” a praia...

Mellorou a situación desta ave nos últimos anos?
En liñas xerais si. Cando eu empecei a traballar coa especie, na segunda metade da década de 1990, a poboación galega estaba cifrada en menos de 70 parellas reprodutoras, e entre 2009 e 2013 roldaban as 100. É certo que desde entón experimentou unha lixeira diminución, pero cada vez son máis as entidades involucradas na súa conservación e maior a concienciación cidadá, así que confiamos na súa recuperación. No entanto, queda moito traballo por diante e é moi necesaria a colaboración dos usuarios das praias e, como non, das administracións.

María Vidal observa un poliño de píllara das dunas
María Vidal observa un poliño de píllara das dunas | Fonte: Axena

A píllara das dunas ten o seu propio decreto autonómico de protección en Galicia, con todo, moitas das medidas que nel se recollen non se están cumprindo, poden facer algo máis as administracións?
Por suposto que si. No referente á normativa, é evidente, as normas están para cumprirse, pero é precisa a intervención das autoridades competentes que velan polo seu cumprimento. Ademais, a lexislación ambiental neste país está, pero en moitas ocasións non se cumpre en absoluto. Logo está o ámbito espacial de aplicación deste Decreto: as praias, “lugar máxico” no que todo o mundo crese con dereito a facer o que lle vén en gana.

En maio de 2016 había censadas en Galicia 80 parellas reprodutoras, e  a pesar de que fan varias postas por tempada, só se conseguiu  que voasen 49 pitos, é dicir, 0,6 pitos por parella, que cres  que fai falta para reducir a altísima mortalidade dos pitos?
Fai falta eliminar a mortalidade provocada pola acción humana, que vai desde a mortalidade directa polo tránsito de vehículos polas praias (cribadoras, tractores, quads, motos...) e a presenza de mascotas, ata a mortalidade inducida, ocasionada polo elevado nivel de perturbación ao que ven sometidos. Na actualidade,  a píllara está a criar nun bo número de praias nas que a presenza de depredadores naturais é moi baixa ou case nula, polo que corrixindo a actividade humana incrementaríase notablemente o éxito reprodutivo.

Como afecta á fauna, incluída  a píllara das duna, o uso de cribadoras para “limpar” as praias?
Terriblemente. Estas máquinas destrúen os niños situados na fronte de praia e matan os pitos que aínda non voan tanto de  píllaras como doutras  aves nidificantes nos areais.
Ademais, as cribadoras extraen os depósitos de algas e outros restos que chegan ás praias , fonte principal de enerxía e do sostemento da cadea alimentaria do ecosistema onde se integran a píllara das dunas  e outras aves costeiras. Estes restos  ademais son moi utilizados pola especie para facilitar  a camuflaxe de niños e pitos, clave para a súa supervivencia fronte á presenza de depredadores.

Por tanto, supoñen unha grave ameaza para a especie e, o peor de todo, polo capricho de manter as praias “lisas e peiteadas”.

En praias como Coroso en Ribeira, onde apenas hai depredadores naturais  de píllara, en 2016 naceron 31 pitos e só chegaron a voar 6, cal crees que foi a razón?
Pois vai un pouco na liña do que comentaba antes. Na praia de Coroso apenas hai depredadores naturais de niños e pitos de píllara , así que toda a responsabilidade recae no factor humano. Algúns pitos son capturados polos cans domésticos, de presenza habitual nesta praia, e outros probablemente caerán en mans de nenos (ou adultos), como xa comprobamos nesta e outras praias de Galicia. Pero aquí puidemos comprobar ademais a mortalidade dos pitos por baixa condición física. A presión humana é moi elevada e o tempo que poden dedicar os pitos a alimentarse é, en moitas ocasións, insuficiente para completar o seu desenvolvemento.

Nos sistemas dunares viven multitude de especies animais e vexetais únicas, con todo, son pisadas e degradadas a diario, hai descoñecemento da cidadanía ou desidia da administración?
Na miña opinión é unha mestura de ambas as dúas cun ingrediente máis, a clamorosa carencia de sensibilidade ambiental nunha importante parte da poboación. Hai descoñecemento por parte da cidadanía, iso sen dúbida, pero desgraciadamente non son tantos os que ao ser debidamente informados responden de maneira positiva. E aí é onde debe entrar a administración, as infraccións si non se sancionan serán reiteradas. Creo que falta vontade, e educación...moita educación.

Que ten que facer unha persoa se  atopa na praia un niño de  píllara ou un pito?
A miña resposta é inmediata, deixalos tranquilos, respectar o seu espazo, afastarse o suficiente para garantir que ese adulto que está incubando o niño ou coidando os pitos deixe de preocuparse pola nosa presenza.  Se queremos observalo e gozalo farémolo moitísimo mellor a distancia. Non debemos esquecer que  se alteramos o seu comportamento poñemos en risco a súa propia supervivencia, a do niño e por suposto a dos pitos.

Para terminar María, como ves o futuro  da píllara das dunas en Galicia?, crees que os nosos netos poderán seguir véndoos aniñar nos areais?
Si algo aprendín en todos estes anos é que a píllara ten unha asombrosa capacidade de adaptación e resistencia e que, cun pouco de vontade por parte de todos, a convivencia nas praias sería factible. Estou convencida, ou quero estalo, de que os nosos netos poderán gozar da especie e espero, e desexo, que eles saiban apreciar a importancia de que elixa as nosas praias como indicativo do elevado valor natural das mesmas.

Nova da web colaboradora Axena

Píllara das dunas voando
Píllara das dunas voando | Fonte: Axena
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Arturo

Nun país onde hai moita xente adicada a destruir o medio ambiente, a presencia de xente coma María Vidal enche de ledicia.

1 Manu Mariño

Sen dúbida María Vidal é a persoa que máis leva traballado pola supervivencia da píllara das dunas en Galicia. Ela si que merece un monumento.