Fisioterapia para pacientes encamados

Novas recomendacións do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia na campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/04/2017 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Os pacientes encamados sofren perda de masa muscular, rixidez articular, contracturas e problemas de circulación que poden derivar en trombose venosa. Estes aspectos poden ser paliados desde a fisioterapia con mobilizacións activas e pasivas e con adecuados cambios posturais que tamén preveñen a aparición de úlceras de presión ou de decúbito e escaras na pel do paciente.

Sesión de fisioterapia
Sesión de fisioterapia | Fonte: acostat.es

Debido á inmobilidade, neste tipo de pacientes tamén é habitual que se produza unha acumulación de secrecións que pode derivar en infeccións respiratorias como pneumonías. Este tipo de complicacións tamén poden ser paliadas con exercicios de fisioterapia respiratoria, como respiración diafragmática, expansión torácica e con ventilación drenaxe pulmonar.

No paciente encamado conviven diferentes circunstancias distintas do resto: trátase dun paciente no que se reúnen as consecuencias propias da súa enfermidade de base e as provocadas pola súa encamamiento, xa sexa temporal ou definitivo; ademais, polas súas circunstancias, trátase dun paciente altamente dependente dos seus coidadores.

Para alongar a autonomía persoal deste tipo de pacientes, o fisioterapeuta debe seguir unha pauta de exercicios destinada a manter a musculatura nas mellores condicións posibles: se a persoa pode realizalo por si mesma, fálase de exercicios de mobilización activa; se non pode facelo só ou é paciente non colaborador, o profesional realizará mobilizacións dirixidas ou mesmo pasivas.

Na Fisioterapia para pacientes encamados, a constancia, o esforzo e a predisposición por parte do paciente son fundamentais para conseguir resultados óptimos. Tamén é moi importante por parte do profesional da fisioterapia establecer unha boa pauta de tratamento e realizar un seguimento da evolución do paciente, con valoracións continuas que permitan modificar a intensidade e frecuencia do tratamento para adaptalo ao estado do paciente.

RECOMENDACIÓNS

As recomendacións para o paciente encamado son ssar un colchón anti-escaras, que axude a distribuír as presións sobre a superficie do corpo e superficies óseas, como os talóns, cóbados, xeonllos e a rexión sacra; mover ao paciente cada 2 horas; fisioterapia e exercicios para previr a atrofia muscular, rixidez articular e trombose venosa; unha boa alimentación, con consumo de proteínas, vitaminas e cunha correcta hidratación; fisioterapia respiratoria para evitar patoloxías respiratorias e mellorar as secrecións bronquiais; manter a pel hidratada utilizando cremas especialmente nas áreas de presión e utilizar almofadas para conseguir aliñación corporal correcta e manter a posición desexada.

Cos videoconsellos da campaña "12 meses, 12 consellos de saúde", os fisioterapeutas galegos queren incidir na súa vocación de servizo público á poboación, contribuíndo de forma continuada ao asesoramento á comunidade en temas relacionados coa promoción e a defensa da saúde e resaltando ao mesmo tempo que unha das funcións fundamentais da fisioterapia e dos fisioterapeutas é a prevención e non unicamente o tratamento de lesións e/ou enfermidades.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións, conxuntamente cos colexios homónimos de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta