A Xunta insiste en que se seguirá apostando polo software libre a pesar das “dificultades”

Feijóo di que aos funcionarios estalles “custando moito” adaptarse. A Xunta renovará todos os portátiles dos centros educativos para sumar a máis de 2.500 alumnos no ensino dixital. Tamén investirá en mellorar as redes para que o vindeiro curso o 100% dos centros teñan velocidades de acceso a Internet igual ou superiores a 100 megas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/05/2017 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

“Estamos traballando para adaptarnos pero non está resultando sinxelo”. Deste xeito referíase este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á implantación do software libre na Administración galega en prexuízo doutros privativos, como o de Microsoft. Un software libre que estará instalado nos 10.000 portátiles que Educación adquirirá para os centros escolares no vindeiro curso.

Alberto Núñez Feijóo visita unha aula Abalar
Alberto Núñez Feijóo visita unha aula Abalar | Fonte: Xunta.

De feito, o paso de sistemas operativos privativos a libres causou, e aínda está causando, problemas na administración galega. A pesar de que a Xunta anunciou que deixaría de adquirir paquetes informáticos con Microsoft, o certo é que aínda segue habendo problemas nalgúns departamentos, como é o de Emprego. A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) iniciaba os traballos para renovación  dos sistemas informáticos das oficinas de emprego a finais de 2015. Pero, un ano despois, os paquetes informáticos seguían sen renovarse completamente porque o Goberno galego estaba pensando en seguir utilizando sistemas de pago, en concreto Microsoft. 

Era a denuncia que facía hai uns meses CIG-Administración. “Dende a AMTEGA, coma noutras ocasións, non obtivemos resposta ningunha. Chegáronos rumores de que se vai actualizar o sistema, mantendo a arquitectura actual e o software privativo de pago de licenzas a Microsoft”, denunciaba entón este sindicato.

O propio Feijóo confirmaba este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que son os propios funcionarios os que din que lle está “custando moito” adaptarse ao software libre. “Levan moitos anos traballando con eses formatos –Microsoft-- e non se afán coas mudanzas aos novos aplicativos libres”, suliñaba. “Estamos mudando, pero non nego que nos está custando”, insistía.

Cambio de sistemas operativos

Nos últimos anos o software libre está gañando cada vez máis peso nos escritorios dos funcionarios da Administración Autonómica. Impulsado pola política de austeridade, moitos dos computadores públicos xa traen de serie o paquete de oficina libre, o antigo Open Office ou o máis actualizado Libre Office. 

Unha muller traballa diante de varias pantallas de ordenador
Unha muller traballa diante de varias pantallas de ordenador

Con todo, malia as súas promesas electorais, o Goberno Galego asemade segue apostando polo paquete privativo e de pago Microsoft Office en determinadas áreas. Fai dous anos a Xunta pagou 1,9 millóns de euros anuais por tres anos para ter licencias de Microsoft tras anunciar que impulsaría os sistemas libres. En todo caso, supuña 1,6 millóns menos que os 3,5 millóns que pagou en 2010 por esas mesmas licencias. Unhas partidas que van a menos ano tras ano.

10.000 novos portátiles

O presidente galego confirmaba que o sistema libre será o que teñan os 10.000 novos portátiles que a Consellería de Educación adquirirá para os centros de educación co obxectivo de impulsar a aprendizaxe dixital. 

Así, anunciaba que realizará un concurso público no que obrigará ás empresas a que oferten ata 22.000 ordenadores portátiles para os dous vindeiros cursos dos que adquirirá un primeiro paquete de entre 9.000 e 10.000 deles xa para o curso 2017-2018. “O que queremos é que nos manteñan un prezo razoable”, indicaba.

O obxectivo da Xunta é afondar no programa Abalar, que puxo en marcha en 2009 co fin de dixitalizar a docencia, e incorporar a 2.800 alumnos máis no vindeiro curso á aprendizaxe totalmente dixital. Actualmente son 7.200 os alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria os que están totalmente dixitalizados. Ademais, xa son 120.000 deles os que xa dispoñen de aulas dixitais.

O Goberno galego quere, con este novo concurso, implantar a ensinanza completamente dixital en 107 centros e, ademais, incorporar novos contidos para os libros dixitais. Asemade, impulsará a formación docente con espazos de creación dixital específicos aos que convidará a profesores e familias para “inculcarlles a cultural dixital”. 

Educación investirá 11 millóns de euros para acadar outro obxectivo. Outros 18 millóns irán destinados para aumentar a conectividade dixital e permitir que todos os centros galegos acaden velocidades mínimas de 100 Megas no acceso a Internet. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carmen

Es muy posible que el software libre termine siendo el favorito en el futuro, ya que algunos de los mejores juegos Android están hechos de esa forma :)