Por Xurxo Ayán | Santiago | 30/04/2010
O pequeniño d’O Incio estudou Medicina en Compostela sendo compañeiro festeiro de Castelao. A diferenza do rianxeiro (que non exercería de médico por respecto á Humanidade), Manuel Díaz adicouse de cheo á súa carreira chegando a colaborar en proxectos do mesmísimo Gregorio Marañón. Asentado na súa terra como médico rural, a súa bonhomía estendérase por toda a bisbarra. Non cobraba aos pobres e deseguido tentou levar á prática os seus ideiais asumindo o programa político da IIª República, traballando a prol dunha medicina social nun marco de asistencia aos labregos e o seu dereito á saúde. As súas campañas sobre hixiene e cultura sanitaria nada tiñan que envexar ás Misións Pedagóxicas.
O que si lle trouxo foi envexas de conservadores compañeiros de profesión que vían nestas iniciativas un perigo para o exercicio pecuniario dunha profesión liberal plantexada unicamente para forrarse. Militante da Izquierda Republicana de Azaña, o pequeniño d’O Incio foi asasinado por unha escadra da morte falanxista o 11 de setembro de 1936. Atado de maos á clina dun cabalo foi levado dende Xulián, por Eirexalba e Laiosa cara á Cruz do Incio. Humillado, arrastrado, ferido neste camiño de tortura, foi asasinado á beira da estrada polos cobardes fillos de puta asasinos do escadrón da morte falanxista de Eirexalba.
Aínda que eu escoitara falar do bo médico do Incio en entrevistas sobre a represión nestas terras orientais de Lemos nos últimos anos, agora coñezo de primeira mao a historia grazas ao libro escrito polo seu sobriño galaico-mexicano José Luis Díaz (Serie Documentos de Ediciós do Castro, 210, ano 2009) quen atopou na vella casa familiar do Castelo, en 1986, unha nota do pai de Manuel: El 11 de septiembre de 1936 me mataron a Manolo los Fascistas, de Layosa al Incio. Trala investigación deste experto en Psicobioloxía de renome internacional, Jóse Luis Díaz enviou unha carta ao Concello d’O Incio solicitando que se lle adicara unha rúa como homenaxe e xesto simbólico de rehabilitación da figura do seu tío avó. A resposta foi un lacónico e perverso: A los muertos hay que dejarlos en paz. O cadavre do pequeniño d’O Incio foi recollido da cuneta por un sobriño que o soterrou fóra do camposanto vello, perto da porta, coma un can.
José Luis Díaz dinos no limiar da súa obra: “Axitado e conmovido pola existencia e o martirio de meu tío Manolo acabei exclamando en 1986: ‘Non se pode nin se debe esquecer aquela guerra e aquelas circunstancias; hai que estudalas, entendelas e asumilas para que non se repitan. Hai que resisitir pacificamente a violencia e o terror. Aos asasinos, a todos eles, hai que perdoalos’.
Cuestiónoo hoxe en día: é realmente posible perdoar unha violencia tan terrible e inxusta? Agora sei moito máis dos que estiveron involucrados na funesta acción e profésolles unha mestura de abominación, horror e desprezo. Doume conta de que perdoar é un acto privado que cada un pode ou non acoller no seu interior, pero que o perdón público aquí non procede porque non se pediu perdón a ninguén, nin sequera aos familiares. Sei tamén que non hai vinganza admisible nin desexable, pero si que pode haber xustiza, coa que será factible recuperar a dignidade dunha persoa íntegra e xenerosa para aí chegar a comprender e quizais perdoar, pois non é o esquencemento nin o encubrimento o que poderá logralo, senón todo o contrario: o recordo e a restauración”.
O noso país, en 2010 é unha democracia anormal. Un xuíz xulgado por querer xulgar unha ditadura fascista. Unha presidenta dunha Comunidade Autónoma falando no Parlamento do golpè de Estado comunista de 1934 facendo súas teses revisionistas ilegais nos países civilizados. A dereita repartindo pasquíns contra os romaneses en Catalunya. Colexios públicos madrileños trocando en segundos a súa normativa para non acoller unha rapaza musulmá cun pano na cabeza. O PSOE enganando aos seus militantes e á súa historia pasando olimpicamente de levar adiante os seus compromisos electorais, traizoando ás familias das vitimas do franquismo. A cúpula dirixente do BNG manifestándose a prol da ditadura dos irmáns Castro en Cuba, seica asediada por axentes mercados polo ouro de Miami, como antes eran os axentes soviéticos mercados co ouro de Moscú na ditadura franquista, como antes eran os axentes occidentais no Bloque do Leste. Os opositores que procuran democracia sempre son vistos como axentes vendidos que serven a intereses estranxeiros. E os do Bloque, con Guillerme Vázquez á cabeza, ese líder, secundando unha ignominia. Así se fai país.
Moitos dirán que todo isto son anécdotas que non reflicten un país. Segundo esta lóxica, cada morte do ano 1936 foi tamén unha anécdota, unha historia personal tráxica, froito da vesania duns incontrolados. Sinceiramente, vendo a miseria da nosa clase política, un dáse de conta que os falanxistas de Eirexalba fixeron un bo traballo, e que a trauma xerada polos seus asasinatos explica a anormalidade democrática do noso país, axuda a comprender que a xente de orde (lean, por favor, o traballo de Ana Cabana publicado por tesCtres) considere un atentado contra a democracia manifestarse en contra da impunidade do franquismo. A mesma xente de orde que di que a los muertos hay que dejarlos en paz, a mesma paz na que viviron e viven os asasinos de 1936.