Un BIC “de segunda” para a Cova Eirós, un dos bens arqueolóxicos máis importantes de Galicia

Adega e a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo critican á Xunta por tentar favorecer os instereses dunha multinacional. Piden que o expediente tamén teña en conta outros bens patrimoniais, como o Camiño de Santiago, un camiño real e cinco covas máis.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/06/2017 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Un total de oito anos de investigacións, trámites, denuncias, informes do Valedor do Pobo e do Consello da Cultura Galega (CCG) foron necesarios para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) para a Cova Eirós, a considerada como a Altamira galega, pola importancia das pinturas rupestres atopadas nela, así como distintos restos que reconstrúen boa parte da historia de Galicia. Non obstante, a pesar da súa importancia, a protección que se lle dá é "de segunda".

Imaxe, tratada para destacar os elementos artísticos atopados na Cova Eirós de Triacastela (Lugo)
Imaxe, tratada para destacar os elementos artísticos atopados na Cova Eirós de Triacastela (Lugo)

Así o denuncian tanto a organizacion ecoloxista Adega, como a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo. As dúas entidades critican á Xunta por favorecer os "intereses" da cementeira Cosmos, propiedade dunha multinacional brasileira, que explota os terreos que se atopan no entorno da cova.

"No procedemento recén iniciado a Dirección Xeral de Patrimonio delimita unha área de afectación e establecendo unhas cautelas que semellan atender máis aos intereses de COSMOS que á correcta salvagarda deste xacemento. Non é de estranar, xa que despois de facerlle o caldo gordo a COSMOS durante anos eludindo o cumprimento da lei, agora que non ten máis remedio que cumprila pretenda dotar á Cova dunha protección de segunda", denuncia Adega. 

“Isto é debido a que a Xunta tan só recoñece como BIC as pinturas rupestres do interior da cova e da viseira”, apunta tamén a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo. Unha catalogación da que discrepa totalmente do previsto no Informe do Consello da Cultura Galega (CCG) que estendía a consideración de BIC ás covas Cabaxa e Graxeira como xacementos arqueolóxicos.

Protección non xustificada

Así, as dúas entidades consideran que non  está suficientemente xustificado a escolla de “monumento” fronte a “xacemento arqueolóxico” como categoría do BIC. Na introdución do expediente de resolución do ben recoñécese e destácase por riba doutros valores, a significación de Cova Eirós como lugar de importantes achados arqueolóxicos e paleontolóxicos, que son de especial interese científico para estudar e coñecer a evolución da historia humana, alén de ser esta a única cavidade galega con presenza de arte rupestre

Situación da Cova de Eirós, rodeada por Cementos Cosmos
Situación da Cova de Eirós, rodeada por Cementos Cosmos | Fonte: Adega

Por iso a categoría máis acaída de BIC sería a de “xacemento ou zona arqueolóxica”, e non a de “monumento”, segundo a definición establecida no artigo 10 da Lei vixente do Patrimonio Cultural.

O expediente do BIC tamén é criticado no que respecta á delimitación de protección da contorna do xacemento. Estas entidades din que é pouco ambiciosa e que obedece ou está definida "conforme aos actuais intereses da explotación mineira de Cementos Cosmos", no canto de basearse en criterios científicos, de interese público, ou destinados a garantir a protección duns valores patrimoniais de extraordinaria excepcionalidade.   

A proposta de delimitación do perímetro de protección do BIC configúrase a partir da actual alteración da contorna do xacemento condicionada pola actividade da canteira que na ladeira sur desfixo totalmente o monte até 8 metros da cavidade. "A proposta da Xunta desbota calquera acción ou medida destinada a recuperar ou rexenerar o estado natural da contorna do xacemento hoxe degradada pola actividade mineira. Non se debe conservar só o fundamental, como se expón na proposta da Xunta, nin se debe recuperar a contorna só logo de que remate a vida da canteira senón que se deberían promover desde xa todas as medidas de protección ou de cautela oportunas que garantan a estabilidade e integridade da cova e a progresiva recuperación da súa paisaxe natural", indica Adega.

Tamén Petón do Logo di que a Xunta só condiciona a protección da ladeira sur do monte Penedo, onde se localiza a cova, ata que finalicen os labores mineiras da cementeira Cosmos. Ademais só se prevé unha contorna de protección de 50 metros, en contra do criterio do CCG que era de 200 metros.

Unha área de protección de 200 metros

"Para evitar que no futuro se produzan situacións deste tipo, cómpre ser máis ambiciosos na delimitación sur do xacemento, aumentando como mínimo en 200 metros a área de protección, que é a distancia mínima contemplada pola normativa vixente á hora de delimitar o perímetro de protección para este tipo de xacementos, conteñan ou non manifestacións de arte rupestre", suliña Adega.

Por outra banda, a Cova Eirós atópanse dentro dunha área de importante actividade e incidencia sísmica, no epicentro do triángulo sísmico Triacastela-Sarria-Becerreá. Portén, a proposta de declaración da Cova Eirós como BIC non fai mencióna este risco. Neste sentido, a entidade ecoloxista di que sería necesario tamén determinar en que medida os efectos derivados da actividade sísmica da zona vense reforzados ou favorecidos pola actividade mineira.

En relación á interrelación da Cova Eirós con outros elementos patrimoniais significativos da contorna, a proposta de declaración da Cova Eirós como BIC presentada pola Xunta non fai mención a outros elementos patrimoniais e que forman parte dunha mesma área de interese cultural. Petón do Lobo lembra que existe un conxunto de 5 covas, un camiño real e o camiño francés, que estarían tamén afectados e cuxa existencia estaría a pasar desapercibida neste expediente de BIC, posto que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural disocia a cova da súa contorna, "limitando por tanto a capacidade interpretativa do contexto no que se desenvolveu a vida na parroquia do Cancelo".

Tamén Adega cre que a proposta de declaración de Cova Eirós como BIC debe engadir un capítulo no que a administración pública se comprometa a favorecer e a promover medidas de recuperación da capa vexetal do teito do xacemento arqueolóxico a protexer, que foi escavado ata os 50 metros da cova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta