Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/06/2017 | Actualizada ás 16:00
A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) desenvolveu unha rolda de contactos cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia para informarlles sobre a situación da Fisioterapia en Galicia e trasladarlles os principais temas que preocupan ao colectivo, co obxectivo de que sexan tomados en conta nas súas formulacións e toma de decisións, ao tempo de ofrecerse tamén como órgano consultor nas cuestións que teñan que ver cos múltiples ámbitos de actuación da Fisioterapia. Durante esta rolda de contactos, o presidente do CoFiGa, Perfecto Pampín Lado, foi recibido por María Montserrat Prado Cores (BNG), Eva Solla Fernández (En Marea), Xullo Torrado Quintela (PSdeG-PSOE e Aurelio Núñez Centeo (Grupo Parlamentario Popular).
Nas devanditas reunións, o presidente do CoFiGa trasladou aos representantes políticos a situación actual da Fisioterapia en Galicia e os temas que máis preocupan actualmente ao colectivo, como son a conxuntura que viven os fisioterapeutas no sistema público de saúde e a necesidade de adecuar o seu número á crecente demanda da poboación incluíndo novas prazas nas ofertas públicas de emprego anunciadas; a importancia da Fisioterapia na atención á cronicidade e dependencia derivadas do progresivo envellecemento da poboación; a redución de custos asistenciais que supoñería unha adecuada implantación da Fisioterapia tanto en Atención Primaria como no ámbito hospitalario; a necesaria maior colaboración da Administración na loita contra o intrusismo sanitario; a deterioración da calidade asistencial que se deriva dos baixos prezos que as aseguradoras de saúde abonan pola atención aos pacientes.
O presidente do CoFiGa explicou que o colectivo de fisioterapeutas está integrado actualmente en Galicia por máis de 2.500 profesionais colexiados e que a Fisioterapia é a profesión sanitaria máis e mellor valorada polos pacientes polo papel decisivo que os fisioterapeutas desempeñan no mantemento da calidade de vida e na recuperación das capacidades funcionais das persoas que sofren algunha patoloxía. Con todo resaltou que, por tratarse dunha profesión nova, con menos percorrido e bagaxe histórica que o colectivo médico e de Enfermería, supón un hándicap á hora de ser tidos en conta pola Administración.
Nas reunións tamén se puxo de manifesto por parte do presidente do CoFiGa o gran crecemento que nas últimas décadas experimentou a Fisioterapia, con presenza en diferentes áreas participamos (Traumatoloxía, Neuroloxía, Uroginecoloxía, Pneumoloxía, Patoloxía Vascular e Linfática, Cardioloxía), sendo recoñecidos xa como profesionais autónomos e de primeira intención no tratamento de numerosas patoloxías.
Repasouse así mesmo o papel do fisioterapeuta no sistema público de saúde, tanto en atención primaria como no ámbito hospitalario, razoando os motivos polos que unha derivación precoz e directa desde o médico de Atención Primaria mellorarían a eficiencia do sistema público de saúde, acurtando listas de espera, reducindo o gasto en fármacos e probas complementarias, interconsultas con especialistas, cirurxías, tempos de especialización, baixas laborais por incapacidade temporal..., así como influíndo directamente nunha mellora da xestión e do gasto que supoñen os casos de cronicidade, tema clave tendo en conta o a situación demográfica da nosa comunidade, que avanza cara a un envellecemento progresivo da poboación. Porque, segundo explicou o presidente do CoFiGa, en todos estes ámbitos os fisioterapeutas desenvolven un papel fundamental no mantemento das capacidades funcionais dos pacientes (sobre todo dos máis maiores), diminuíndo a dependencia da poboación e tamén, por tanto, a saturación do sistema sanitario e o gasto asistencial.
OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO
Profundando neste aspecto, o presidente do CoFiGa incidiu ante os representantes políticos no tema das ofertas públicas de emprego anunciadas polo Sergas, expoñendo a preocupación do colectivo polas escasas prazas de fisioterapeutas ofertadas nos últimos anos, moi por baixo das necesidades reais que existen na actualidade. Para iso, referiuse aos cocientes de referencia, 1 fisioterapeuta por cada 1.200 habitantes segundo a OMS, sinalando que se sitúan moi lonxe das porcentaxes que se dan en Galicia: 92,34 fisioterapeutas por 100.000 habitantes, segundo datos da Estatística de Profesionais Sanitarios colexiados correspondente a 2016 que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE).
INTRUSISMO
O intrusismo sanitario foi outro dos temas abordados nas reunións, reclamando un maior apoio por parte da Administración na loita por un problema de saúde comunitaria. Neste aspecto o representante dos fisioterapeutas galegos tamén mostrou a súa preocupación polo feito de que a Administración apoie explicitamente a psesudociencias, como sucede no caso do Programa 'Go2Work', promovido polo Igape, organismo dependente da Consellería de Facenda, a través do cal se facilitou, tal e como denunciou o CoFiGa, a posta en marcha dun centro de quiromasaxe e reiki.
O exercicio da Fisioterapia no ámbito privado tamén foi obxecto de análise nas reunións cos representantes dos partidos políticos de Galicia, explicando que a crecente demanda de Fisioterapia por parte da poboación e as avultadas listas de espera que se atopan no sistema público de saúde fixeron que o sector privado constitúa o ámbito de actuación que en Galicia ocupa a un maior número de fisioterapeutas, ben como empregados de grupos, hospitais ou centros sanitarios privados ou ben como autónomos.
Neste aspecto, o presidente do CoFiGa profundou na problemática que suscitan as baixas tarifas que se manexan no sector das aseguradoras de saúde, unha situación que en opinión do colectivo repercute na calidade dos tratamentos dos pacientes e supón tamén un prexuízo para a imaxe da Fisioterapia, xa que segundo explicou os centros que traballan con estas entidades vense na obriga de atender a un gran número de pacientes diariamente para defender a súa viabilidade e sustentabilidade.
Para finalizar, o presidente do CoFiGa explicou que a Fisioterapia galega sempre estivo á vangarda no Estado, expresando o seu desexo de que Galicia estea tamén á cabeza en canto ao empoderamento competencial dos fisioterapeutas dentro do sistema sanitario e en canto ao número de fisioterapeutas presentes no Sergas.
Conscientes de que o presente e o futuro da Fisioterapia dependen en gran medida das decisións que se toman no Parlamento de Galicia, esta primeira toma de contacto cos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, que CoFiGa espera que teña continuidade, desenvolveuse en virtude dunha das funcións estatutarias da entidade colexial, como é a colaboración cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión de fisioterapeuta.
Nas reunións mantidas, o presidente do CoFiGa estivo acompañado da responsable de Fisioterapia Laboral, Estrela Pallín Tato; o responsable de Comunicación, Daniel Alvite Sánchez; e a asesora xurídica da entidade colexial, Lara Otero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.