Un barco chamado Propaganda

Desde a aparición nos medios das primeiras novas relativas a saída desde Turquía, dunha flotilla autodenominada “humanitaria” fletada pola organización islamita turca Insani Yardim Vakfi e apoiada, por grupos desde a esquerda extrema a diversas ONG´s europeas e árabes, o tema cheirou certamente un tanto raro.

Por Pedro G.-Valadés | | 01/06/2010

Comparte esta noticia

Porque rara foi a resposta dada polos organizadores do convoi marítimo ás autoridades israelís a oferta destas de descargar o material dos buques no porto israelí de Ashdod e unha vez revisada a mercadoría esta sería introducida na Franxa de Gaza polas vías habituais. Vías polas que non esquezamos entran diariamente máis dun cento de camións cargados con toneladas de todo tipo de material de axuda humanitaria.

Rara foi tamén a negativa dos organizadores da flotilla á oferta do pai do soldado israelí Gilad Shalit, secuestrado por Hamas desde hai 4 anos (sen recibir ningunha visita da Cruz Vermella durante estes anos) na que o pai de Shalit ofrecíase a mediar perante as autoridades israelís para conseguir destas a autorización do desembarco da flotilla coa única condición, de que os organizadores se comprometeran a facer chegar ao seu fillo secuestrado por Hamas, unhas cartas e uns paquetes. A negativa da “flotilla humanitaria” é ademais de incomprensíbel, humanamente inxustificábel. E rara, moi rara.

Ou non. Porque se o que a organización islamita turca Insani Yardim Vakfi realmente pretendía era facer un espectacular despregue de propaganda, entón en boa lóxica era normal a negativa a aceptar tanto a mediación do pai como a oferta das autoridades israelís de descargar o material.

Chama tamén a atención, o absoluto silencio, e xa que logo a complicidade, de certas organizacións supostamente solidarias, e que mais unha vez fan gala da súa moi selectiva solidariedade. Porque non perdamos de vista que a cobertura da flotilla e da resposta posterior á interceptación por parte da Mariña israelí, ven da República Turca. Que sen entrar na hipócrita actitude das autoridades turcas que só hai uns días ameazaron de expulsión aos armenios residentes en Turquía se o Congreso e o Senado americano recoñecían oficialmente o xenocidio armenio, ou a represión habitual desde o Estado turco da minoría kurda, mais deixando de lado estas dúas mostras rotundas da hipocresía turca, o certo é que a flotilla atracou e saíu para a súa última etapa no mar nun territorio ocupado militarmente por Turquía, de onde foron expulsados nun exercicio puro e duro de limpeza étnica unha parte dos seus habitantes e onde foi declarada unha ilegal e autodenominada República turca do norte de Chipre que ningún outro estado, agás loxicamente Turquía recoñece. Que os organizadores islamitas turcos non digan nada é comprensíbel, mais que os solidarios embarcados non teñan nin unha palabra en solidariedade cos cidadáns gregos expulsados do norte de Chipre, resulta a todas luces escandaloso.

Mais o certo a estas alturas é que a flotilla levaba a bordo ademais de mercadorías, un "gato encerrado". Un gato chamado "trampa" e ao que o guión escrito polos organizadores outorgaba o papel na sombra de conseguir un obxectivo final, tender unha trampa e acadar un efecto mediático o máis potente posíbel. Non interesaba -como queda claro coas negativas dos organizadores ás ofertas de mediación- a entrega da axuda humanitaria, o que interesaba era a foto da interceptación. Para conseguir esta foto, a organización islamita turca Insani Yardim Vakfi (con forte vencellos con Hamas e Hezbollah) puxo en perigo aos tripulantes do barco “Marvi Marmara”  Probabelmente este prezo estaba asumido como menor desde o mesmo comezo da operación por parte da dirección turca.

En todo caso e por último que non derradeiro. Que di a lexislación internacional do mar ao respecto?
A lexislación internacional de San Remo que rixe para os conflitos en mar aberto, na súa Sección V cláusula 67 di: “Os barcos mercantes que enarboran bandeira de Estados neutrais non deben ser atacadas, agás que:
a) Haxa motivos razoábeis para crer que transportan contrabando ou que violan un bloqueo, e que, tras previa intimidación, rehúsen clara e intencionadamente deterse ou se resistan clara e intencionadamente a toda visita, rexistro ou captura;

Calquera estado, calquera. Tería actuado en circunstancias semellantes dun xeito semellante ao que onte viuse obrigada a actuar a Mariña israelí. O máis lamentábel é que a irresponsabilidade e o fanatismo da organización islamita turca Insani Yardim Vakfi xogara coa vida tanto dos tripulantes como dos soldados israelís que só cumprían como calquera forza e corpo de seguridade de calquera estado, coa súa obriga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA