Por Xurxo Ayán | Santiago | 02/07/2010
En escasos metros cadrados condensa caoticamente o froito de seu labor de pescuda apaixoada polo antergo. De fondos ollos negros, ben amosa a súa faciana a decepción de anceios pasados, pero tamén mostra ás claras que non necesita vivir disto, nas mornas mañás do inverno húngaro.
Camisa a cadros, tez branca, saúde feble e sorriso propio dos típicos actores do cine social británico. Fala un italiano perfecto, sen despegarse da estufa empotrada contra a vidreira do escaparate. Gosta do Mediterráneo e adora a cidade de Toledo. Molto bello.
Coñece o oficio, e sabe de entrada que non somos turistas de man feble e peto enchido; desbotada a hipótese inicial de sermos coleccionistas profesionais de libros, ábrese despreocupado a unha tertulia improvisada. Insinúa que na trastenda garda grosos tomos en latín do XVII para despois, fachendoso, contarnos que vendera un primeiro volume da edición princeps de El Quijote a un coleccionista norteamericano.
De seguido, expón argumentadamente o desartellamento das grandes bibliotecas da burguesía e a nobreza húngaras despois de 1945, proceso que explica a aparición aínda a día de hoxe de auténticas xoias bibliográficas en mercadiños insospeitados.
Mira de esguello, mais con aire despistado, calquer comentario, aceno, ou movemento que facemos dentro dese espacio mínimo. A miña curiosidade para cun feixe de panfletos a prol do Igen fai que se apreste a advertir que non é máis ca política, sen interese algún para ibéricos coma nós. Doutra volta, o irredentismo herdado de Trianon aparece na conversa, se ben a este home tráelle sen coidado.
Baduando entre pergameos e cerámicas decimonónicas da minoría húngara de Transilvania, acabamos levando un pucho lapón e unha xerra restaurada de finais do XIX coa típica decoración ornitomorfa, con paxariños estilizados e tonalidades verdes.
Zoltan apunta -vai ti saber que- cun bic descolorido nun vello cartón, leva a man á caixa de zapatos agochada tralo veo branco da porta da trastenda, e con xesto amable, dános a volta, como se os forints non fosen con el. Buen viaje acerta a dicir mentres, coa mirada perdida cara a fiestra, remoe os miolos matinando se dera coa expresión castelá propicia para estes casos.Don Quijote tamén toleara lendo libros de vello, fóra do mundanal ruído. Saraiba e néboa en Nafor utca.
Un vello proverbio alemán di que o ar da cidade nos fai ceibes. Eu son dos que pensa que as librarías son en parte as modeladoras desa liberdade urbana. En plena crise económica, comezan a desaparecer as librarías de sempre das nosas cidades e vilas, sendo sustituídas polo despacho de best sellers en centros comerciais. A fins deste mes, Pontevedra quedará sen a libraría Michelena, unha das mellores de Galicia. Aberta en 1981 pecha definitivamente deixando orfos aos habitantes da Boa Vila, que xa non poden soñar nos vellos cines do centro da cidade, que xa non poden pasar o tempo apalpando cultura nas librarías garimosas do centro.
Escribe hoxe Manuel Rivas en El País sobre a súa infancia en Elviña, cos seus xogos de pícaro na alcumada Pena do Cuco, unha escultura natural que sería desmantelada tempo despois polo progreso urbanístico. O escritor laiase no fermoso artigo: “nunca pensei que me ía doer tanto a morte dunha pedra”. Eu, como arqueólogo, xa estou acostumado a iso, pero o que non sabía eu é que me ía doer tanto a morte dunha libraría na que sempre me sentín ceibe e feliz.