Por Xesús Veiga | Santiago | 02/08/2010
Coa morte de Vieiros non teño dúbidas sobre a pertinencia dunha versión actualizada daquela máxima televisiva..Cando desaparece un medio de comunicación feito en galego algo perdemos todas aquelas persoas que desexamos a progresiva consolidación dun espazo comunicacional realizado na nosa lingua.Pero é que, ademais, Vieiros era a demostración práctica da compatibilidade entre un compromiso explícito coa identidade nacional galega e o respecto pola pluralidade existente no seo do que poderiamos chamar a sociedade nacionalista.Vieiros contribuía a facer Pais sen utilizar unha trincheira partidista.
Mais alá das circunstancias específicas e conxunturais que podan explicar a caída desta publicación dixital, estamos ante a repetición dun fenómeno que revela a existencia de eivas estruturais de importancia no conxunto do universo social de orientación galeguista.O nacemento das organizacións políticas que configuran o nacionalismo galego moderno non se viu acompañado pola existencia dun tecido económico e asociativo amplo e estábel (agás no eido do sindicalismo obreiro).Esta asimetría sumada á cultura política na que foron educados os cadros dirixentes das novas organizacións orixinou unha dupla concepción asumida como verdade indiscutíbel:a superioridade da acción política organizada sobre calquera outra actividade social e a necesaria subordinación das asociacións ubicadas no universo nacionalista ás decisións adoptadas na dirección da formación política hexemónica de cada momento.
Durante moito tempo, o nacionalismo político galego mantivo un discurso dual e contraditorio a respeito dos medios de comunicación:por unha banda outorgáballe unha grande responsabilidade nas dificultades que experimentaba para obter un rápido medre electoral e por outra parte non era quen de contribuír ao nacemento dunha rede de medios alternativos.E cando algúns destes vían a luz, aparecía un dos virus mais destrutivos que habitan na galaxia nacionalista:o sectarismo que prefire a desaparición daquel ente que non se somete á lóxica da “correa de transmisión”.
A morte de Vieiros pode servir para corrixir vellas deficiencias e comezar a enterrar o cainismo que nos acompaña dende hai corenta anos.Tamén pode ser o comezo dun longo deserto cheo de frustracións e abandonos.A ver se é verdade, agora, que “cando un Vieiros se queima, algo noso se queima”.