Compostela, capital da supercomputación

A Xornada de Usuarios da Red Española de Supercomputación e a Conferencia do HPC Advisory Council celebraranse en Galicia os días 28 e 29 de setembro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/07/2017 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá este ano a 11ª Xornada de Usuarios da Red Española de Supercomputación (RES) e a 6ª Conferencia do HPC Advisory Council. A cita terá lugar os días 28 e 29 de setembro e será organizada pola Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Supercomputador Finisterrae do CESGA
Supercomputador Finisterrae do CESGA

Estes eventos están dirixidos aos usuarios actuais da RES, así como aos usuarios potenciais dos recursos de supercomputación de RES e PRACE. Ademais, tamén son de interese para os estudantes e investigadores en ciencia computacional e para as empresas que traballan con tecnoloxías de computación de alto rendemento. O rexistro é gratuíto, inclúe os cafés e as comidas de ambos os días, e está aberto ata o 21 de setembro.

A conferencia de usuarios da RES é un foro de encontro para compartir experiencias sobre o uso dos recursos de supercomputación da RES. Ademais, é unha oportunidade para dar a coñecer os resultados obtidos polos usuarios desta rede. Con este obxectivo, o programa inclúe catro sesións científicas paralelas, especializadas nas catro áreas científicas da RES: Química e Ciencia de Materiais; Biomedicina e Ciencias da Vida; Matemáticas, Física e Enxeñería; e Astronomía, Espazo e Ciencias da Terra. Os mozos investigadores terán tamén a oportunidade de presentar os seus resultados na sesión de pósteres.

A reunión do HPC Advisory Council ten como obxectivo promover a interacción entre as empresas e organizacións que traballan en tecnoloxías HPC cos usuarios finais, e abarca un amplo rango de intereses e temáticas como Deep Learning, Machine Learning, Exascale Era, ciencia de datos, etc. Incluirá sesións técnicas, científicas e de patrocinadores.

O día 28 de setembro pola tarde, despois da Xornada de Usuarios, terá lugar unha actividade cultural que consistirá nunha visita guiada polo centro histórico de Santiago de Compostela, para favorecer o networking entre todos os asistentes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta