A SGHN cualifica de “nefasta” a avaliación de impacto ambiental do Parque Eólico Mouriños

A Sociedade Galega de Historia Natural critica duramente o estudo feito pola filial de Gas Natural Fenosa responsable deste proxecto e presenta alegacións ante a Xunta para asegurar a protección paisaxística e da fauna.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/07/2017 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

"Lamentablemente, o proxecto de P.E. Mouriños continúa coa 'tradición' da mala, ou nefasta, avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos en Galicia". Así de contundente se expresa a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) sobre o proxecto que afecta os concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, e que está en fase de alegacións.

Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños
Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A SGHN considera que a empresa Parque Eólico Mouriños S.L., filial de Gas Natural Fenosa, "avaliou de xeito moi incorrecto o impacto do parque eólico sobre a paisaxe" ao "considerar nas análises de cuncas visuais unha altura media do aeroxeneradores de só 84 m (a altura ata o buxe) e non a altura total real dos aeroxeneradores (151 m na posición máis alta das pas dos rotores)", e ao "non avaliar o impacto paisaxístico do parque eólico dende un dos miradores naturais máis coñecidos e apreciados da contorna: o situado no cumio do Monte Branco".

Esta asociación científica considera que tamén se "avaliou de xeito claramente deficiente a fauna de aves e quirópteros, e por tanto o impacto potencial do parque eólico sobre eles, pois os traballos de campo se realizaron só nun mes (setembro de 2016) e non ao longo dun periodo anual completo".

Ademais, a SGHN salienta que a empresa "pretende facer pensar que a mortalidade de vertebrados voadores por colisión contra os aeroxeneradores será moi baixa pero, en base as estimacións de Atienza et al. (2011) de que entre aves e morcegos en España morren de 153 a 551 individuos/Mw/ano, a mortalidade de vertebrados voadores ocasionada polas instalacións eólicas proxectadas (con 9,61 Mw) estaría entre 1470 e 5295 individuos anualmente".

ALEGACIÓNS

Por todo isto, a SGHN vén de presentar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, alegacións a este proxecto eólico que subscriben as denuncias feitas previamente pola Plataforma Salvemos Cabana, que denunciou que o parque eólico ameaza unha das últimas serras virxes da Costa da Morte e unha ave en perigo de extinción en Galicia, a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus).

Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules
Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules | Fonte: Salvemos Cabana.

En primeiro lugar, a SGHN solicita que o Estudo de Impacto Ambiental avalíe "con detalle e rigor" as posibles afeccións do proxecto sobre os hábitats de interese comunitario e de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE); a paisaxe dende os miradores naturais máis coñecidos e apreciados da contorna, nomeadamente o situado no cumio do Monte Branco e tendo en conta a altura total real dos aeroxeneradores (151 m); todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), e a mortalidade de vertebrados terrestres nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadienses, etc.) e dos vertebrados voadores contra os aeroxeneradores e os tendidos eléctricos.

A SGHN tamén solicita que se lle esixa ao promotor do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Murciélagos para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.

Por último tamen se pide que se lle obrigue ao promotor do proxecto a implementación dun Programa de Vixilancia Ambiental rigoroso que require prospeccións quincenais en inverno, semanais en primaveira e outono, e cada dous días en verán.

> Consulta as alegacións da SGHN.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta