Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/07/2017 | Actualizada ás 11:50
A proliferación de centros e profesionais non sanitarios, autodenominados masaxistas, quiromasaxistas ou quiroprácticos, que ofertan o tratamento de patoloxías e lesións a través de técnicas como a masaxe terapéutica, entre outras, constitúen un "gran risco para a saúde pública". Así o denuncia o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa), que advirte de que "estes pseudo-profesionais, formados mediante cursos que carecen de validez académica, poden comprometer gravemente a saúde dos pacientes ao aplicar técnicas con efectos contraproducentes".
CoFiGa lembra, ademais, que "a maioría destes pseudo-profesionais non teñen contratada ningunha póliza de responsabilidade civil, polo que o paciente pode verse desamparado no suposto de reclamación ou conflito".
Estas advertencias forman parte da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, na que o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia aclara este mes a terminoloxía que pode suscitar dúbidas entre a poboación. De feito, apuntan que "rxisten unha serie de termos, como masaxista, quiromasaxista, quiropráctico, osteópata…, que xeran confusión entre a poboación".
MASAXISTA OU QUIROMASAXISTA
CoFiGa é contundente: "Os denominados masaxistas ou quiromasaxistas non son profesionais sanitarios, porque as súas prácticas non están legalmente reguladas en España como profesión sanitaria".
Os fisioterapeutas lembran á poboación que os establecementos que anuncian este tipo de prácticas "non están autorizados nin homologados pola Consellería de Sanidade como centros sanitarios" e os "pseudo-profesionais" que aplican estas técnicas "non pertencen a ningún colexio profesional do ámbito sanitario nin ofrecen ao usuario un seguro de responsabilidade civil que os ampare".
Polo tanto, avisan, "non poden tratar ningún tipo de patoloxía nin aplicar ningún tipo de actuación terapéutica".
Só a masaxe como lecer, relax ou con fins estéticos pode ser aplicada por profesionais non sanitarios, coa condición de que "non se use para o tratamento de lesións ou patoloxías", subliñan dende CoFiGa.
QUIROPRÁCTICO OU OSTEÓPATA
Outras denominacións, como quiropráctico ou osteópata, tamén xeran confusión entre a poboación. CoFiGa aclara que a quiropráctica e a osteopatía forman parte das competencias do fisioterapeuta; non figuran na Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias e, por tanto, non existen como profesións sanitarias autónomas.
Para exercer como quiroprácticos ou osteópatas é requisito indispensable estar en posesión da titulación de Fisioterapia.
Nin o Catálogo Xeral de Títulos Oficiais nin o de Cualificaciones Profesionais recollen tampouco as titulacións de masaxista, quiromasaxista, osteópata, quiroterapeuta, quiropráctico, naturópata, acupuntor…; tampouco as de auxiliar de Fisioterapia, auxiliar de Rehabilitación, auxiliar de Xeriatría, técnico de balneario…
FISIOTERAPEUTA
O fisioterapeuta, subliña CoFiGa, é o "único" profesional sanitario, de formación universitaria regrada, e con competencias amparadas por lei, habilitado para o tratamento de patoloxías mediante a aplicación de axentes físicos e técnicas (como son a masaxe ou o movemento), con fins terapéuticos ou preventivos.
Ademais, conta coa regulación dun Colexio Profesional e cobertura de responsabilidade civil.
GARANTÍAS PARA A SAÚDE
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia lembra que os problemas de saúde deben ser tratados sempre en centros sanitarios que cumpran cunha normativa técnica sanitaria que garante os dereitos do paciente, e atendidos por profesionais titulados universitarios e colexiados na súa institución profesional correspondente.
No caso do tratamento con Fisioterapia, a súa práctica legal e con garantías comeza sempre cunha toma de datos persoais de saúde e antecedentes, sempre mediante os procedementos establecidos segundo a lei de protección de datos; e realízanse sempre unha serie de valoracións segundo o razoamento clínico fisioterapéutico para expor uns obxectivos para conseguir a través dunha aplicación de técnicas que levan a cabo a través dun consentimento do paciente, do que se lle informa previamente.
PERIGOS DA OFERTA DE MASAXES EN RÚAS OU PRAIAS
Coa chegada do verán, as rúas das cidades e as praias do país énchense de masaxistas rueiros que ofrecen servizos de masaxe terapéutica sen ningún tipo de control sanitario, medidas hixiénicas ou permisos legais.
CoFiGa avisa de que este tipo de prácticas pode producir lesións importantes nas persoas que se presten a elas: desde unha dermatite de contacto por falta de hixiene ou unha tendinite no ombreiro ou o cóbado por sobre estiramento, ata unha fractura de costela e neumotórax; ou unha cervicalxia ou lesión neurolóxica alta por unha mala manipulación en rotación do pescozo.
Este tipo de actuacións constitúen unha práctica ilegal, que comete varias infraccións, como a ocupación non autorizada da vía pública para actividades económicas ou a infracción tributaria municipal e estatal. Pero para CoFiGa o "máis grave" é a exposición do noso corpo a un serio perigo de sufrir lesións, ao poñernos en mans dunha persoa sen cualificación nin preparación sanitaria.
EVITAR RISCOS
Para evitar riscos, CoFiGa aconsella ser tratado sempre por un fisioterapeuta colexiado e en centros sanitarios autorizados pola Consellería de Sanidade. Para cerciorarse en caso de dúbida, a páxina web do CoFiGa pon a disposición da poboación un rexistro de profesionais colexiados, permanentemente actualizado.
Ademais, a Consellería de Sanidade ofrece, tamén a través da súa páxina web, un rexistro dos centros sanitarios autorizados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.