A bandeira azul de varias praias da Costa da Morte, en perigo

As praias de Laxe e de Balarés están no punto de mira dos ecoloxistas pola súa afectación ao medio ambiente, a destrución do sistema dunar e a afección á píllara das dunas.

Por Galicia Confidencial | Laxe | 28/07/2017 | Actualizada ás 10:12

Comparte esta noticia

O concello de Laxe e o de Pontecesures poderían perder bandeiras azuis dos seus areais. A causa: a destrución do sistema dunar e as súas consecuencias para a píllara das dunas. Así, a retirada do sistema dunar con paleadoras de todos os accesos á praia podería facerlle perder a bandeira azul á Praia de Laxe. Ademais os técnicos puideron constatar a realización de cacharelas na noite de San Xoán en medio do sistema dunar móvil e protexido.

Unha retroescavadora dana o sistema dunar da Praia de Laxe
Unha retroescavadora dana o sistema dunar da Praia de Laxe | Fonte: petón do Lobo

Diversas asociacións ecoloxistas da Costa da Morte, entre as que se atopa a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, solicitaron xa á ADEAC a revisión das bandeiras azuis outorgadas ante os incumprimentos reiterados dos requisitos da concesión por parte dos municipios beneficiarios. “A LFee (Foundation for Environmental Education) e a ADEAC (Asociación de Educación ambiental e do Consumidor) poderán constatar os incumprimentos dos requisitos preceptivos para gozar da distinción de bandeira azul da que gozan arestora areais como o de Laxe ou Balarés”, apuntan as entidades ecoloxistas.

Así, lembran que, segundo a Guía de interpretación dos criterios Bandeira Azul para praias 2017, a limpeza pode realizarse de forma mecánica ou manual, dependendo do tamaño, a aparencia e a fraxilidade da praia e a súa contorna. En zonas cun uso moi elevado e cando iso sexa posible, recoméndase unha limpeza mecánica ocasional e cernido en profundidade da area, para remover partículas pequenas como cabichas, etc. e favorecer a súa aireación.

“Pero non todas as máquinas e métodos de limpeza mecánica producen o mesmo impacto ambiental, segundo o tipo de enerxía empregada e consumos, contaminación do aire e do chan, ruído, mantemento e estilo de condución, tipo de recollida e selección dos residuos, compactación, aireación da area, etc”, engaden.

Por iso, Petón do Lobo insiste en que a limpeza sempre debe ser respectuosa coa flora e fauna local e destaca que os responsables da planificación a nivel local deben ter en conta os potenciais impactos ambientais, non só nas praias con Bandeira Azul, senón tamén nas praias lindeiras. “Neste sentido sería desexable que todas as praias frecuentadas do termo municipal, sexan controladas e limpadas de forma regular, de acordo cos seus especiais características”, suliña.

Pitiño de Píllara das dunas
Pitiño de Píllara das dunas | Fonte: Axena

De feito, critica que no caso de Laxe non se están a cumprir estas recomendacións. “Así cada día podemos ver a xente pasear polas dunas, tomar o sol nelas, acampar, facer cacharelas, pasear cans ou ceibalos directamente para que cacen e xoguen pola zona… As dunas, xa danadas, case sen fauna e coa flora moi deteriorada prexudican a imaxe do municipio de Laxe e o seu estado son un inconvinte para a adecuada valoración ambiental e a sustentabilidade turística do municipio”, lamenta.

Píllara das dunas

Ademais, o areal de Laxe conta coa presencia da píllara das dunas ou chorlitejo patinegro, que en toda a cornixa cantábrica e atlántica, só cría en pouco máis dunha vintena de praias da costa galega. Este pequeno páxaro duns 15 centímetros está catalogado pola Consellería de Medio Ambiente como “especie vulnerable”.  Unha categoría de especie previa a de entrar “en perigo de extinción”.

Os ecoloxistas lembran que o uso de máquinas cribadoras destrúe os ovos e o lugar no que os paxaros poden esconderse ou o alimento que comen. “Por iso, é moi necesario que desde os concellos responsables se fagan cumprir as normas”, lembran

Praia de Balarés en Ponteceso

Ademais, alertan dos perigos que sofre a Praia de Balarés, en Ponteceso, que, ademais dun festival de música indie, ten que aturar o paso de vehículos á praia ou de acampadas organizadas, como é o caso do macrofestival de Balarés.

“Mesmo fóra da tempada de baños, ademais dos correspondentes permisos da Demarcación de Costas, autoridades autonómicas e locais, é precisa a comunicación con suficiente antelación a ADEAC da celebración de eventos, que poidan afectar as condicións sanitarias ambientais da praia, retirando a Bandeira Azul durante a celebración dos mesmos e non izándoa de novo ata demostrar, fehacientemente, que se restituíron as condicións orixinais que xustificaron a súa concesión”, engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Charadrius

O que hai que cuestionar é o propio modelo turístico que propugna a Bandeira Azul, e non dirixirlles peticións a ver de si por favor... http://www.adega.gal/novas.php?id=6...