Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/09/2017 | Actualizada ás 10:25
Santiago de Compostela acollerá do 18 ao 22 de setembro o congreso internacional 'Road to the stars' (Camiño ás estrelas). Un evento que fará a Galicia o centro da astronomía muncial coa presencia dun centenar de investigadores de todo o mundo que disertarán sobre a visión do ceo nas distintas culturas e sociedades desde a Prehistoria á actualidade.
O congreso está promovido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio, pola Universidade de Santiago de Compostela a través do departamento de Historia e polo Instituto de Astrofísica de Canarias. Conta coa colaboración e o patrocinio da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura, a Sociedade Internacional de Arqueoastronomía e Astronomía na Cultura e as reunións 'Inspiration of Astronomical Phaenomena'.
Segunda informa o CSIC, o congreso desenvolverase a través de conferencias convidadas impartidas, entre outros, por Juan Antonio Belmonte (IAC), Clive Ruggles (Universidade de Leicester, Reino Unido), Giulio Magli (Politécnico de Milán, Italia) e Stephen McCluskey (Universidade de Virginia Occidental, EE.UU); e da presentación de preto de 120 comunicacións orais e pósteres sobre resultados de investigacións acerca da temática: desde a astronomía megalítica á influencia do ceo na arte contemporánea, pasando por Exipto, Mesopotamia, os Incas, a illa de Pascua ou o ceo ao redor da Catedral de Santiago. Estas sesións, que terán lugar no Centro de Estudos Avanzados, divídense en número de bloques temáticos: Paisaxe e ceo, Astronomías antigas, Antropoloxía do ceo, De Roma a Santiago, Educación e patrimonio, A inspiración do ceo e Métodos.
Por outra banda, a organización previu a realización dun programa lúdico con actividades abertas ao público xeral que inclúe a inauguración da exposición 'Road to the Stars' no claustro de Fonseca, unha sesión das denominadas Nerd Nite e unha observación astronómica na Cidade da Cultura. Máis información www.roadtothestars.org
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.