Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/10/2017 | Actualizada ás 14:10
Brigadistas de Seaga alertaron de que a final deste mes de outubro terminan os seus contratos prorrogados os 500 empregados desta empresa pública de extinción e 436 traballadores de persoal laboral do servizo da Xunta ante unha previsión de "alto risco" de incendios. Peter Brea, delegado sindical de Seaga na provincia da Coruña, sinalou que a previsión meteorolóxica é que se manteña a seca, despois de que a choiva caída nos últimos días non fose "suficiente para mollar o terreo", mentres se mantén o vento do Sur que cambiará a nordeste a partir do fin de semana. "Se vén o aire podemos ter outra desgraza", avisa. Con todo, a Xunta asegura que volveu a prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa prorrogado con anterioridade para evitar novos
Nesta liña, o presidente do comité de empresa de Seaga na provincia de Lugo, Héctor López, apuntou que se prevé "bastante vento" para próximos días, e lamenta que a Consellería de Medio Rural teña que estar "sempre pendente do tempo" para actuar, "no canto de montar un dispositivo que dure todo o ano".
Por iso, o presidente do comité de Pontevedra, Josafat Puente, pregúntase se Medio Rural vai actuar coa "irresponsabilidade absoluta" da pasada vaga de incendios de "desmontar un operativo dous días antes" para "volver montalo" ante o agravamento da situación. "Pensa facer o mesmo de botarnos á rúa ou volvernos coller se a cousa vai mal?", pregúntase.
Tras explicar que tamén se prevé que traballadores de Tragsa cesen en próximos días —unido aos de Seaga e o persoal laboral que se contrata por tres meses—, os brigadistas cargaron contra a "improvisación" do operativo da Xunta, xa que "a política forestal da Consellería a determina o ciclón das Azores".
CONSELLEIROS "MONICREQUES" DE FERNÁNDEZ-COUTO
"O problema sabemos todos onde está", resumiu Peter Brea, en referencia ao responsable de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, "que leva 23 anos facendo o que quere" e "repartindo traballo a empresas privadas".
De feito, preguntados sobre se tamén piden a dimisión da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, Brea explicou que "xa dimitiron varios conselleiros" nos últimos anos, pero di que só son "monicreques" de Fernández-Couto.
Considera que a política forestal "é un fracaso" por culpa de Fernández-Couto, polo que a súa marcha "é a clave para o cambio de política forestal deste país".
Así mesmo, censuran que "a Xunta con Fernández-Couto á fronte deixou a investigación de lado", pois "quitou o orzamento que tiñan os axentes forestais, que son os que saben realmente das causas do lume" e "quitou o orzamento de investigación".
Ademais, Brea apunta que os traballadores de extinción necesitan formación, "porque os lumes que están a vir non son como os de antes, son auténticas treboadas de lume". "Se queremos parar esta lacra temos que saber de onde vén", sentenza.
Todo iso, mentres se reclama de novo un servizo de loita contra o lume "público, único e eficaz", que se manteña todo o ano e no que se acabe coa precariedade.
RISCO DE REACTIVACIÓN DE LUMES
E é que Peter Brea lembra de que os traballadores de Seaga avisaron o 11 de outubro de que "podería pasar unha desgraza" ante as previsións meteorolóxicas existentes, unha desgraza que "pasou" na vaga de lumes, "pero podía ser moitísimo peor", porque "os incendios en Pontevedra apagounos a auga".
Non obstante, remarca que non choveu o suficiente e, de feito, as brigadas "están a revisar os lumes" para evitar o risco de que se activen "outra vez" ante a seca existente, "porque se están levantando fumaredas".
"OVELLAS NEGRAS"
Neste sentido, o secretario confederal de Medio Rural da CIG, Paulo Rubido, reclama un servizo permanente no tempo sen improvisación. "Non vaia ser que despois haxa unha vaga de lumes e volvan imputarnos a nós ou aos brigadistas a autoría dos incendios, cousa que é absoluta mentira", clamou.
E é que un dos puntos sobre os que quixeron chamar a atención os membros de Seaga é que non entenden que se "dubide" do seu labor. "Unha persoa que está 12 horas en perigo (...) asegurámosvos que non é a que prende lume", deixa claro Peter Brea.
"Hai ovellas negras, pero somos miles de traballadores e non chegan a cinco os que están detidos e prenden lume", razoa este brigadista. "Non entendemos que por pecadores paguen os xustos", afirma Brea.
A XUNTA PRORROGA DISPOSITIVO
Pola súa banda, a Xunta anunciou que volveu a prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa prorrogado con anterioridade para evitar novos lumes, ante a previsión de que nos próximos días haberá tempo seco, con sol e sen choivas, segundo informou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Do mesmo xeito, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou que nos controis realizados na mañá deste mércores nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, así como en acuíferos próximos ás zonas nas que se declararon os incendios o 14 e 15 de outubro, non se reportou "ningún tipo de vertedura".
Ambas conselleiras fixeron estas declaracións este mércores durante unha visita a Ventosela, en Redondela, onde supervisaron os labores inspección encaradas a evitar o arrastre de cinzas dos incendios cara aos bancos marisqueiros nesta parroquia, unha das zonas máis vulnerables a este tipo de contaminación tras os lumes, xunto ás desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.