O porco celta tamén pode evitar incendios

Reportaxes audiovisuais destacarán a importancia deste animal na economía rural galega.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/10/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O porco celta é xa unha marca de Galicia. Unha marca que vende e que, ademais, pode ser fundamental para evitar o abandono do rural e tamén a proliferación de lumes

Porco celta
Porco celta | Fonte: paulapez

Desde a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) están convencidos que esta raza autóctona  fixa poboación no rural e que a súa crianza ao aire libre contribúe á prevención de lumes forestais. De feito, pola súa rusticidade e extremidades longas e musculadas adaptadas para a marcha, esta raza porcina é moi axeitada para a explotación en sistemas extensivos ao aire libre. 

Por iso, a importancia do porco celta será, a partir de agora, difundida en pezas audiovisuais. A Fundación TIC da Deputación de Lugo elaborará traballos audiovisuais para contribuír á difusión das actividades que desenvolve a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona. 

O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente de Asoporcel, José Barreira Alonso, asinaron un convenio de colaboración que tamén prevé a formación práctica de bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC coa realización destes vídeos.

Álvaro Santos destacou o labor que está a desenvolver Asoporcel desde que naceu hai case vinte anos. “En 1999, a raza de porco celta estaba case desaparecida. Grazas ao encomiable traballo desta asociación, o censo no número de exemplares foi recuperándose. Pero aínda queda moito treito por andar para que deixe de considerarse como unha raza en perigo de extinción. Por iso, desde a TIC, queremos achegar a nosa colaboración para dar a maior difusión posible a este labor”.

Defensa dunha raza autóctona

A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta naceu en 1999 como entidade sen ánimo de lucro. Dende entón, traballa nos obxectivos que se fixou nese momento: a integración de todos os criadores para representar, defender e promocionar os seus intereses económicos, sociais, culturais e profesionais; o control xenealóxico dos animais desta raza; a promoción, difusión e divulgación do porco celta entre os distintos públicos; e a realización de estudos para definir criterios zootécnicos.

Asoporcel foi recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o emprego do logotipo 100% Raza Autóctona Celta, a primeira raza porcina española acreditada para a utilización deste distintivo de calidade. Este logotipo é un selo oficial que garante aos consumidores a orixe dos produtos que adquiren baixo esta denominación, así como a súa pureza e cría artesanal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 veterinario

o que non da evitando ningún incendio e o porco frijoles