Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2017 | Actualizada ás 12:38
A consultora pública Ineco só avaliou até o quilómetro 84,144 e deixou fóra a curva da Grandeira, na que se produciu o accidente polo cal morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas en xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois. Así o asegurou a responsable de aprobar o informe de avaliación externa da liña Ourense-Santiago, Laura López, nunha comparecencia que durou algo menos dunha hora ante o instrutor da causa no xulgado número 3 da capital galega.
Datado e asinado en decembro de 2011, Laura López foi quen aprobou o documento, Jorge Merino revisouno e Salvador Arriaga foi o autor. Estes dous últimos están citados para declarar este mércores (ás 9,30 horas Arriaga e ás 12,00 horas Merino).
Todos eles, así como o director de seguridade de Renfe (que compareceu ás 9,30 horas deste martes), fano en calidade de investigados, após a declaración en xullo do alto cargo de Adif implicado no caso.
"CONTUNDENTE"
Segundo fontes consultadas por Europa Press, López alegou na súa intervención que Ineco analizou o risco até o punto quilométrico 84,144, xa que así llo encargou Adif, o administrador de infraestruturas ferroviarias, encargado de velar pola seguridade na vía.
A técnica de Ineco expuxo este aspecto ante o interrogatorio do xuíz, o fiscal e o seu avogado, e terminou respondendo a unha pregunta sobre este extremo da defensa do maquinista, que pediu realizala a través do maxistrado.
Así, un dos avogados do condutor Francisco Garzón Amo trasladoulle a cuestión en concreto de se foi avaliado o encravamento en Santiago, que é o que inclúe a curva, e ela contestou que non de maneira "contundente", sinalan as fontes consultadas.
Desta maneira, o encravamento que analizou Ineco, segundo a súa versión, por encargo de Adif, foi o do Irixo, que é o que chega até o mencionado punto 84,144, sen abarcar o 84,413, onde tivo lugar a traxedia.
REBATE A CORTABITARTE
Ademais, esta experta comentou que Ineco non pode nin debe propor os medios para mitigar os riscos, ante as acusacións que expresou o ex-director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, fai catro meses.
O documento, obrante na causa, de 142 páxinas, advirte no número sete de que "quedan fóra do alcance as proteccións non implantadas no mesmo sistema, é dicir, os procedementos operacionais que deben establecerse por Adif para xestionar ou mitigar os riscos exportados".
No auto de citación, Andrés Lago apuntaba que segundo se desprendía da declaración prestada por Cortabitarte a función dos técnicos de Ineco "non se limitaba a unha mera función auditora exenta de capacidade decisoria ou propositiva, senón que eran estes técnicos os encargados de efectuar a avaliación de riscos e, en caso de resultar algún que non fose despreciable, comunicar a Adif as medidas necesarias para conxurar o mesmo".
Foi por este motivo, precisamente, polo que o xuíz citou a López, Merino e Arriaga en calidade de investigados, para que puidesen exercitar o seu lexítimo dereito de defensa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.