Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/11/2017 | Actualizada ás 11:59
Un mundo descoñecido agóchase nas rías galegas: o dos signátidos. O mércores 15 de novembro, o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo (IIM-CSIC) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) presentarán o documental SyngDoc: O descoñecido mundo dos signátidos, financiado por FECYT-MINECO e coordinado polo investigador Miquel Planas Oliver. Será no salón de actos do IIM.
A longametraxe documental foi realizada no marco do Proxecto SyngDoc, cuxo obxectivo é sensibilizar á sociedade de maneira divulgativa e a través de coidadas imaxes sobre a importancia da conservación da biodiversidade mariña. Para iso, céntrase nos signátidos, unha familia de peixes da que forman parte os cabaliños de mar, os peixes pipa e os dragóns de mar.
O documental aborda a bioloxía, ecoloxía, evolución e conservación destas especies xunto co desenvolvemento de técnicas de cría en catividade, mergullando ao espectador nun mundo asombroso no que descubrirá uns peixes cuxa evolución lles permitiu adaptarse a novos ambientes no planeta e adquirir unhas características únicas no reino animal. Pero esas mesmas características fíxolles moi vulnerables nunha contorna sometida a unha crecente destrución pola acción do ser humano. O seu futuro depende do desenvolvemento de plans adecuados de sensibilización e de conservación.
No proxecto SyngDoc participaron investigadores de Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (centro mixto CSIC -Universidade das Illas Baleares), Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e Gimnazija Kranj (Eslovenia).
SyngDoc está patrocinado polo Museo do Mar de Galicia, Fundación Zoo de Barcelona, Getxo Aquarium, Aquagest Xixón e Disetecmar S.L. e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
O documental estará dispoñible en versións en español, inglés e galego e contará con tres curtas especialmente dirixidas á comunidade educativa.
Con motivo da presentación do documental expoñeranse ilustracións científicas e bosquexos realizados en acuarela pola ilustradora galega Clara Cerviño.
Velaquí o tráiler do documental.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.