O presidente dos comuneiros de Chandebrito culpa aos policías da morte de dúas veciñas nos incendios

Víctor M. Vidal mantén que os axentes non merecen "galardón algún" e di que era "evidente" o seu "medo e falta de profesionalidade" o 15 de outubro, o día negro da vaga de lumes.

Por E.P. | VIGO | 13/11/2017 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O presidente da comunidade de montes e asociación de veciños de Chandebrito, en Nigrán (Pontevedra), Víctor M. Vidal, asegura que os axentes de Policía Nacional que accederon á parroquia durante a vaga de incendios do 15 de outubro non merecen "galardón algún", e acusounos de ser "os responsables das mortes" das dúas veciñas do lugar.

Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona en pleno outubro
Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Nunha carta, Vidal asegura que os policías actuaron con "inxenua boa vontade", pero insistiu en que non levaron a cabo "actuación gloriosa meritoria de galardón algún" e engadiu que era "evidente" o seu "medo e falta de profesionalidade" ese día.

"Resulta insultante cara aos veciños que se lles premie e saian á palestra continuamente coma se salvasen a alguén, cando a verdade é que foron os responsables das mortes que houbo na parroquia por falta dunha análise en frío da situación", remarcou, argumentando que sacaron aos veciños "de zona segura" e metéronos "na boca do lobo".

Ademais, advertiu de que "puido haber máis casas incendiadas a causa do desaloxo por uns voluntariosos pero neglixentes, neste caso, axentes da orde", pois "cando xa só quedaba o fume e dispersos veciños polos diferentes barrios de Chandebrito, amagaron cunha segunda evacuación a fin de ter máis quexustificada a súa fuxida da zona cero".

En declaracións a Europa Press, o presidente dos comuneiros apuntou que todas estas cuestións xa as expuxo nunha reunión que mantivo con posterioridade aos feitos con altos cargos do Corpo Nacional de Policía da comisaría de Vigo, aos que fixo saber a súa "impresión da súa actuación".

Poucos días despois dos lumes, axentes de Policía Nacional que actuaron en Chandebrito trasladaron a Europa Press que no lugar viviuse unha situación de "pánico brutal", con "coches envoltos en chamas" e sen ningunha vía de evacuación practicable; e aínda que velaron pola seguridade propia e de veciños, recalcaron que "o que máis doe é perder vidas".

"VERGOÑAS AO DESCUBERTO"

En todo caso, Vidal subliñou que o incendio con "proporcións" de cataclismo do día 15 de outubro "puxo ao descuberto as vergoñas de propios e estraños", como a "situación de deixamento" en que algúns propietarios tiñan leiras tomadas do monte comunal e as propias comunidades de montes que ás veces non respectan "os retranqueos nin a diversidade arborícola".

Ademais, criticou ás "presuntas entidades veciñais" ás que "cando as necesitas en verdade, esconden a cabeza baixo terra e tratan de 'enmerdar'"; e aos cidadáns que usan o monte comunal "de forma libertina ás veces, sen pensar en que tamén é necesario respectar e contribuír ao seu mantemento".

OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Tamén reprobou á Administración Pública que, "á disculpable falta de medios suficientes para abordar unha situación tan excepcional, some falta de sensibilidade e compromiso real a fin de facer chegar axudas após catástrofes deste tipo", ademais de que non queira "entender que o labor social dunha comunidade de montes non debería, nunca, ser gravada a impostos".

Igualmente, censura "as trabas administrativas" e que se abran oficinas de información que non son "outra cousa que un mero paripé e tratar de escurrir o vulto e a responsabilidade, rebotando á poboación de porta en porta a modo de peregrinaxe cara ao aburrimento, ata que desisten de querer ser beneficiarios das faragullas que á súa disposición se puxeron".

Da mesma maneira, reprochou aos "'aguilillas' que pretenden aproveitarse da necesidade de axudar a cidadanía a base de organizar donativos para sabe deus quen", así como ás autoridades eclesiásticas pola súa "falta de consideración para con esta parroquia", salvo polo enterro das veciñas, onde considerou que "se presentaron no estudo".

Conclúe enviando un "afectivo saúdo" aos demais lugares de Galicia, Castela, Asturias e Portugal que sufriron "o mesmo pero non hai quen os lembre" e onde, "do mesmo xeito que lle pasaría a Chandebrito se non houbese vítimas, o Ilustrísimo Monseñor seguiría sen oficiar misa en tan remota aldea e a Policía Nacional non tería méritos que justificasen as medallas que lle choven".

OFICINA EN CHANDEBRITO

Finalmente, Vidal comunicou a Europa Press que, desde este martes e até o xoves, porase a disposición dos veciños de Chandebrito un punto de atención con asesoramento dun avogado no local social da asociación.

En concreto, o letrado ofrecerá á afectados información relativa á solicitude de axudas e o papelorio necesario para levar a cabo os trámites. O horario da oficina durante o tres días será de 10,00 a 13,00 horas; e de 17,00 a 21,00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 Gamela

Lástima que tanta valentía non conte co apoio necesario para levar este asunto ante a Fiscalía e dirimir responsabilidades... Estamos cansos de tanta neglixencia disfrazada de AUTORIDADE PÚBLICA !!!