Solicitan á Xunta o desbloqueo ao recoñecemento da carreira profesional dos fisioterapeutas do Sergas

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas denuncia que Galicia é a única comunidade en España que non desenvolveu este mecanismo que permite o dereito á promoción dos profesionais sanitarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/12/2017 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) solicita á Xunta de Galicia o desbloqueo ao recoñecemento da carreira profesional dos fisioterapeutas no Sergas, para deste xeito "posibilitar e garantir en condicións de igualdade o legalmente avalado dereito á promoción" deste colectivo no sistema público de saúde, ao tempo de "emendar a actual discriminación existente con respecto ao resto de comunidades autónomas de España", din.

Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia
Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia | Fonte: COFIGA.

En senllos escritos dirixidos á Secretaría Xeral do Sergas e á Dirección Xeral de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xusticia da Xunta de Galicia, CoFiGa argumenta en primeiro termo que “a Lei 55/2003 obriga á Consellería de Sanidade a establecer mecanismos de carreira profesional para o persoal sanitario do Sergas, de acordo coa Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias, como medio de garantir o acceso en condicións de igualdade ás funcións públicas, tal e como obriga o artigo 23.2 da Constitución Española”.

Argumentan desde o CoFiGa a continuación que “a Lei 44/2003 de Ordenación das Profesións Sanitarias establece no seu artigo 37 que deberá crearse un sistema de recoñecemento de carreira profesional para os fisioterapeutas da sanidade pública de todas as comunidades autónomas antes do 24/11/2007, o que evidentemente -segundo especifican desde CoFiGa- incluía e inclúe á Comunidade Autónoma de Galicia”.

Os escritos enviados por CoFiGa á Xunta de Galicia continúan argumentando que “o artigo 118 da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia obriga ao Sergas a establecer un sistema de graos que posibilite a promoción profesional, co recoñecemento da carreira profesional tanto do persoal estatutario como doutro tipo con categoría de licenciado ou diplomado sanitario, que redunde nun complemento retribuído”.

Especifican neste sentido que os fisioterapeutas cumpren os requisitos establecidos na devandita Lei, tal como está contemplado na Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias.

CoFiGa sinala finalmente que “a promoción profesional constitúe un elemento esencial do emprego público que a Administración galega non só non pode limitar, senón que ao contrario do que vén sucedendo, ten a obriga de reactivar co recoñecemento dos graos da carreira profesional dos fisioterapeutas do Sergas, para cumprir coa legalidade vixente e non discriminar ao seu persoal con respecto ao doutras comunidades autónomas”.

A carreira profesional sanitaria é un mecanismo que permite avaliar obxectivamente os méritos dos profesionais da saúde no seu exercicio profesional, tanto nos ámbitos asistencial como docente e de investigación. Con todo, é un mecanismo que non se desenvolveu en Galicia. De feito, CoFiGa lembra que Galicia a única comunidade autónoma en España que non desenvolveu a carreira profesional sanitaria

DISCRIMINACIÓN

"O argumento da Xunta para tal incumprimento da Lei foi puramente económico", denuncian os fisiotereapeutas. Como consecuencias deste incumprimento da Lei, todos os profesionais sanitarios do Sergas, entre eles tamén os fisioterapeutas, están a "sufrir un trato diferenciado respecto ao resto dos traballadores dos servizos públicos de saúde das restantes comunidades autónomas de España", critica CoFiGa.

"Esta discriminación provoca á súa vez que os traballadores sanitarios galegos non poidan circular libremente por todo o territorio español en igualdade de condicións salariais. Ademais, a falta de estímulos e incentivos dos profesionais sanitarios tamén repercute na calidade asistencial que ofrecen no Sergas", advirten desde o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta