Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 06/12/2017 | Actualizada ás 13:01
Título Orixinal: “Hikari”. Xapón, Francia. 2017. 101 minutos. Xaponés.
Dirección e guion: Naomi Kawase
Reparto: Masatoshi Nagase, Ayame Misaki, Tatsuya Fuji
Fotografía: Arata Dodo
Música: Ibrahim Maalouf
Produción: Kumie
Premio do Xurado Ecuménico no Festival de Cannes 2017)
Nota do público en Cineuropa: 6,89/10 na Sección Panorama Internacional(8º posto de 22 filmes)
Misako (Ayame Misaki) é unha rapaza que fai audiodescricións de películas para as persoas que non poden velas, como é o caso de Masaya (Masatoshi Nagase), un vello fotógrafo noutrora nomeado que está a ficar cego. A décima película da directora xaponesa Naomi Kawase, que xa nos cautivou con “Still Water” ou “Unha pastelería en Tokio”, e que nesta obra segue na súa liña de explorar o sentido da beleza, é a historia de amor entre estes dous personaxes tan diferentes. Pero é tamén unha historia de amor ao cine, e unha reflexión sobre el, e sobre a beleza en xeral, sobre o que recibimos e co que quedamos dunha película como esta ou como a que trata de capturar denodadamente en palabras Misako, e sobre o que nos fai sentir iso que nos transmite. É cine dentro do cine, a historia de amor entre eles e a do filme que Masaya fotografiou e agora Misako trata de capturar non con luz, senón con palabras: bonecas rusas ou xogo de espellos que ao final tenderán a converxer nunha secuencia emocionante.
“Cara á luz” é unha reflexión sobre o misterio do cine: como traducir as abstraccións desta arte?, as imaxes en palabras?, como respectar a imaxinación e a intelixencia das persoas con discapacidade visual sen privalas dunha descrición auténtica e polo miúdo dos planos?, canta información achega a película, que quere transmitir, e que sentimentos subxectivos lle poñemos nós ao visionala? A precisión e meticulosidade de Misako para atopar a palabra exacta para cada cor, xesto ou textura, e o exceso de descrición, poden deixar pouco espacio para a imaxinación e os sentimentos. Pola contra, se di demasiado pouco, o público non poderá recrear a historia en toda a súa plenitude. Entre este fráxil equilibrio móvese o traballo de Misako e Masaya: dúas persoas totalmente distintas que no fondo buscan o mesmo, con distintos medios. Capturar a luz. Capturar o tempo. Misako pronto descubrirá as fotografías de Masaya, que a transportarán a lembranzas do seu pasado e da súa familia. Xuntos aprenderán a ver en todo o seu esplendor o mundo que antes era invisible para eles.
Cine sosegado, pausado, que se detén nos detalles, nas imaxes, nas palabras e nos silencios. Para deixarse levar, algo preciosista, pero acompañado sempre dunha fermosa fotografía, que capta o esvaradizo, o efímero e o grandioso da vida á vez: o tacto dunha árbore, a luz dun solpor e os seus reflexos, a sensación de frescor dunha praia despois da tormenta, como en outras películas de Kawase. Moi recomendable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.