Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/12/2017 | Actualizada ás 22:00
Everis, a consultora da que é vicepresidente Eduardo Serra Rexach —ministro de Defensa co Goberno de José María Aznar (PP) e secretario de Estado de Defensa co de Felipe González (PSOE)—, é a elixida a dedo pola Xunta de Galicia para prestar o servizo de consultaría para a elaboración dunha estratexia de políticas de I+D+i de Galicia, e sinerxías cos plans de I+D+I galego e estatal. Esta é a última adxudicación da Xunta a Everis, empresa que só este ano xa recibiu 4.597.135,68 euros en contratos coa Administración Pública galega, principalmente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o SERGAS.
O Goberno galego volve así a favorecer a Everis Spain, empresa á que xa ten concedido recorrentemente varios contratos nos últimos anos. Desta vez, a compañía vai embolsar 68.425,50 euros polos servizos prestados á Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Everis Spain benefíciase polo procedemento negociado sen publicidade que acostuma por en marcha a Xunta para adxudicar contratos a determinadas empresas. A este procedemento foron convidadas KPMG Asesores SL, Estratega Consulting Global SL e a propia Everis Spain SLU.
Unha vez que o órgano de negociación procedeu a analizar e valorar as propostas económicas e técnicas presentadas, e finalizada a fase de negociación, o órgano propuxo a "contratación de Everis Spain SLU por ser a oferta economicamente mais vantaxosa", cun importe ofertado na súa proposta económica, de 56.550 euros máis 11.875,50 en concepto de IVE, o que fai un total de 68.425,50 euros.
O período de execución do contrato será de 65 días, a razón de máis de mil euros ao día.
OUTROS CONTRATOS EN 2017
En outubro deste ano, a Xunta, mediante a AMTEGA, adxudicou a Everis un contrato por valor de 96.770,96 euros (IVE incluído) polo desenvolvemento do Sistema de información ambiental de Galicia (Siam) na Plataforma galega de información ambiental (Gaia), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ese mesmo mes, a AMTEGA formalizaba a contratación do servizo de coordinación tecnolóxico especializado para a rede CeMIT en entidades locais por un valor de 692.349,96 euros (IVE incluído). A empresa beneficiaria foi, de novo, Everis.
Outubro pasado foi un mes de ouro para a empresa do ex-ministro do PP, á que lle caía outro contrato máis da AMTEGA por un valor de 208.712,95 euros (IVE incluído), polo servizo de desenvolvemento do Rexistro Galego de Emisións (Regade) na Plataforma galega de información ambiental (Gaia), cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Un mes antes, en setembro, de novo a AMTEGA contrataba a Everis polo servizo de implantación da Administración electrónica xudicial en Galicia, cofinanciado tamén nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O importe do contrato: 369.654,98 euros (IVE incluído).
En marzo deste mesmo ano, unha nova riada de cartos públicos enchían as arcas de Everis. Desta vez, de parte do SERGAS, que formalizaba un contrato con esta empresa por valor de 98.494,01 euros polo servizo de administración e soporte de ferramentas de soporte a procesos ITIL.
A mesma empresa era beneficiada ese mes de marzo con outros dous contratos formalizados: un de 554.603,50 euros coa Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, do SERGAS, para prestar servizo de soporte de aplicacións informáticas, e outro de 2.422.601,02 euros coa AMTEGA para o desenvolvemento de ferramentas para a tramitación electrónica integral da Xunta de Galicia, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (neste último caso, a contratación foi adxudicada á Unión Temporal de Empresas conformada por Everis Spain e Altia Consultores).
A AMTEGA xa formalizara previamente, en xaneiro de 2017, a contratación con Everis do servizo de desenvolvemento, mantemento evolutivo e soporte de sistemas de información para a xestión de medidas do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Nesta adxudicación foron contratadas outras cinco empresas. A Everis fóronlle asignados 85.522,80 euros polo desenvolvemento do portal do PDR de Galicia.
CONTRATOS ANTERIORES COS GOBERNOS DO PP GALEGO E ESPAÑOL
Everis é unha vella coñecida dos gobernos do PP, tanto do galego como do estatal. Everis acumulaba xa a mediados de 2015 máis de 1,3 millóns en 16 adxudicacións sen libre competencia da Xunta, dende que o PP volveu ao poder en Galicia.
Aqueles 16 concursos non abertos tramitáronse mediante fórmulas legais que facultan a Administración Pública a non publicar as bases e/ou convidar a presentar ofertas só as empresas escollidas pola propia Administración. Trátase de procedementos de adxudicación negociados con publicidade, negociados sen publicidade, restrinxidos e diálogo competitivo.
Desas 16 adxudicacións, 14 pertencencían a un mesmo departamento, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Tamén en 2015, a Consellería de Sanidade adxudicaba máis de 1,21 millóns de euros a Everis mediante o procedemento negociado sen publicidade, polo desenvolvemento e demostración dun centro virtual de xestión e análise avanzado automatizado do adestramento sanitario, dentro do subproxecto "GS5-IS-8: Central de simulación médica avanzada.
Everis fai para a Xunta todo tipo de traballos. Dende a creación de ferramentas tecnolóxicas avanzadas como a recente un centro virtual de xestión e análise avanzado automatizado do entrenamento sanitario para o SERGAS (por valor de 1,2 millóns -importe non incluído na suma dos 16 contratos porque a adxudicación non é definitiva) até o asesormanto a Consellería de Traballo para asumir as competencias da Inspección laboral
En 2016, a Amtega contratou varias empresas para que se encargasen do servizo de desenvolvemento, mantemento evolutivo e soporte de sistemas de información para a xestión de medidas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia por un montante total de case un millón de euros.
Entre as empresas contratadas estaba precisamente Everis, ademais de Bahia Software, S.L.U., SIVSA Soluciones informaticas S.A.U. e Seresco, S.A.
As millonarias adxudicacións non só lle teñen chegado a Everis da Xunta de Galicia. Dende Madrid, o Goberno central tenlle tamén concedido contratos millonarios polo procedemento negociado sen publicidade regularmente dende o Ministerio de Defensa, do que precisamente foi titular Eduardo Serra. En concreto, oito contratos a dedo por valor de 668.267 euros entre os anos 2010 e 2014, en adxudicacións documentadas por Galicia Confidencial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.