Lugo reunirá os mellores xenetistas do Estado para analizar a conservación da biodiversidade

As aplicacións da xenómica para mellorar a produción forestal ou a xenética do vacún, porcino ou da acuicultura estarán no centro do debate.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 20/12/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’. É o nome das xornadas que Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC celebrará os días 16 e 23 de xaneiro e que traerán a Lugo aos mellores xenetistas de todo Estado para  debater sobre accións de mellora da produción forestal ou conservación da biodiversidade e para mellorar a xenética en sectores clave para a economía galega como o vacún, o porcino e mesmo a acuicultura

Vaca de raza rubia galega co seu cuxo
Vaca de raza rubia galega co seu cuxo

Coordinadas polo grupo de investigación en xenética Acuigen da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez, estas xornadas pretenden ser tamén unha canle para achegar ao sector produtivo  galego as potencialidades que depara a súa colaboración con centros universitarios e tecnolóxicos. “Os beneficios destas sinerxías poden deparar resultados moi positivos no caso dos grupos de investigación asentados no Campus Terra da USC  que canalizan o seu labor de I+D+i cara as áreas de produción animal e vexetal, seguridade alimentaria ou o mantemento da rica biodiversidade que agroma o mundo rural”, apuntan desde a USC. 

Este foro, orientado investigadores e a estudantes de grao e máster de disciplinas científicas e técnicas con coñecementos básicos en xenética, están tamén abertas á participación de profesionais de empresas e industrias relacionadas co sector primario, así como de cooperativas e asociacións agrarias, ademais do persoal técnico dos distintos departamentos das administracións públicas nos que as aplicacións de xenética son importantes.

PROGRAMA

O catedrático de Xenética da Universidade de Zaragoza  Juan Altarriba Farrán abrirá o 16 de xaneiro a quenda de intervencións deste foro cun relatorio sobre o programa de selección xenética na raza rubia galega as súas perspectivas. A produción de vacún de carne en España e a implementación da selección xenómica no marco europeo, centrará, a continuación, o relatorio do tamén catedrático da Universidade de Zaragoza Luis Varona. Como colofón da sesión matinal, José Antonio Jiménez, da Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe), abordará o modelo internacional que se está a seguir na selección xenómica en bovino de leite.

A mellora e conservación dos recursos xenéticos forestais e as aproximacións xenómicas en produción vexetal centrarán, xa en quenda de tarde, as intervencións da investigadora Ramón y Cajal do Centro de Investigacións Forestais de Madrid Delphine Grivet e Pere Puigdomenech, profesor de Investigación do Centro de Investigación en Agrixenómica de Barcelona. O catedrático de Xenética da USC Gonzalo Álvarez pechará a primeira xornada de relatorios cunha charla baixo o título ‘A depresión consanguínea no home: Charles Darwin e as Dinastías Reais’.

O programa da xornada prevista para o 23 de xaneiro, que tamén se prolongará en quenda de mañá e tarde na Facultade de Veterinaria de Lugo, abrangue un amplo repertorio temático, no marco do que os distintos relatores convidados farán achegas diversas respecto dos principios básicos da xenética da conservación e as súas aplicacións, a recuperación do licen na Península Ibérica, a aplicación da epixenómica na produción animal ou sobre o futuro da mellora xenética animal. A mellora xenética e a selección xenómica en porcino, a mellora xenética en acuicultura cara unha produción sustentable e a arquitectura xenética de caracteres produtivos en acuicultura serán outras das cuestións a tratar neste foro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta