Álvaro Santos (PSdeG Lugo): "Hai que facer política e non slogans como fai o Partido Popular"

É o novo líder dos socialistas lucenses con case o 53% dos votos dos militantes. E, a pesar de ter a maioría, integrou na súa Executiva a Patricia Otero, do sector de Gonzalo Caballero. En todo caso, insiste nesta entrevista con GC que no novo partido que quere facer non busca o "equilibrio" entre as distintas familias, senón a integración nun proxecto común.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 27/12/2017 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Concelleiro en Friol, deputado e portavoz provincial do PSdeG e, agora, novo secretario provincial deste partido en Lugo. "Eu non busco ser un hiperlíder, tampouco o construtor ideolóxico do partido en Lugo, senón que o partido propoña, debata, constrúa e dialogue e eu só serei o transmisor desa actividade", indica.

Álvaro Santos, líder do PSdeG de Lugo
Álvaro Santos, líder do PSdeG de Lugo | Fonte: Deputación de Lugo

Así, resalta que se presentou "sen acordos, nin pactos con ninguén, sen ningunha etiqueta na mochila" e cre que iso "foi valorado polos militantes". Sobre as diferencias internas dentro do PSdeG, entre os distintos sectores destaca que "non é socialista o que descualifica a outro compañeiro e, sobre todo, no plano persoal".

Gañaches con folgura en Lugo logo de todos os problemas que houbo durante a campaña, a que se debe isto?

Pois que a xente confiou no meu proxecto, case un 53% dos militantes. Eu enfoquei a campaña desde un punto de vista construtivo e propositivo e presentei un proxecto definido de como articular o PSdeG en Lugo. E nas 32 visitas que tiven a agrupacións e catro sectoriais que celebrei expliquei como quería ese novo partido; máis funcional, máis operativo e máis eficiente e cunha nova metoloxía de traballo máis de abaixo a arriba e de crecemento horizontal. Eu non busco ser un hiperlíder, tampouco o construtor ideolóxico do partido en Lugo, senón que o partido propoña, debata, constrúa e dialogue e eu só serei o transmisor desa actividade.

En todo caso, tiñas dous candidatos en fronte ben diferentes. Non cres que esa división che acabou favorecendo?

Álvaro Santos
Álvaro Santos | Fonte: EP

Pois non o sei. Dígoche a verdade. Non fixen un análise detallado dos apoios que tiven en cada agrupación porque non entendo a política así. Eu o que tiña claro é que quería presentarme cun proxecto concreto e así o fixen, sendo o primeiro en facelo. E iso penso que foi o que funcionou. Esa naturalidade e honestidade e non estar agardando a nada. Presenteime sen acordos, nin pactos con ninguén, sen ningunha etiqueta na mochila e supoño que iso foi valorado polos militantes.

Home, pero a etiqueta de besteirista levas tempo con ela ao lombo?

Pero esas son etiquetas que se poñen interesadas...

Entón non te consideras herdeiro de Besteiro?

Son herdeiro de Besteiro, como son herdeiro de Touriño, de Orozco e de todos os grandes líderes deste partido. Eu díxeno sempre con claridade. Eu non lle podo estar desagradecido a Besteiro, pero penso que teño capacidade, criterio e autonomía para tomar as miñas propias decisións e creo que iso o soubo percibir a militancia. E de aí ese gran apoio. E iso non é arrogancia. É unha realidade.

Hai quen apuntou que ao ser un cargo importante na Deputación de Lugo pois xogabas con vantaxe...

Eu dixen que ía facer campaña construtiva e propositiva e de respecto. E penso que así a fixen. Non vou a facer ningunha manifestación sobre irrealidades ou sobre argumentos que se usan en campaña e que non teñen fundamento.

E como valoras esas declaracións que houbo con críticas moi fortes a candidatos, como a de Mercedes Rosón a Valentín González?

Eu penso que houbo quen quixo desenfocar as campañas. Nas primarias falamos de como organizar o noso partido e, polo tanto, non falamos nin dos posicionamentos  políticos e ideolóxicos da organización, nin das persoas. Tan pouco é socialista o que descualifica a outro compañeiro e, sobre todo, no plano persoal. Penso que é equivocada esa estratexia e non é boa para o partido.

A verdade é que estas primarias semella que foron a cara de can, especialmente, en Lugo e Ourense...

Eu desde que me presentei fixen un chamamento. As primarias provocan emocións moi fortes porque as xene involucrase e participa e é un actor principal no futuro do partido. E, por iso, as emocións hai que sabelas administrar. E temos moita carga de responsabilidade os candidatos en como despois se expresan esas impresións e emocións. Por iso é triste que pase iso, como tamén que pasadas as primarias que non acabe de aceptar os resultados e non sume e contribúa ao proxecto que decide maioritariamente a militancia.

E estás de acordo coas declaracións de González Laxe que, durante a campaña, manifestouse a favor de suprimir as primarias

Ese debate xa o tivo o partido e elexiuse un modelo de primarias. Cando o órgano correspondente volva dar ese debate pois o partido decidirá democráticamente cal é modelo.

Entendo entón que ti es partidario das primarias?

Si. A min non me parecen mal as primarias, pero os candidatos teñen que adoptar outra mentalidade e que o debate ten que circunscribirse a esas eleccións e que teñen que estar reguladas dun xeito un pouco máis definido para evitar estas disonancias.

Gañaches ti en Lugo, David Regades en Pontevedra, Valentín González na Coruña e falta ver que pasa en Ourense. Persoas que non son afins a Gonzalo Caballero. Ti cres que isto vai crear problemas no futuro do PSdeG?

Non ten por que. Gonzalo Caballero é o meu secretario xeral. É o secretario xeral de todos os socialistas lucenses e non vexo que haxa ningunha disensión.

Falaches con el disto?

Si, si. Gonzalo soubo xa antes de que eu o fixera público que me ía presentar as primarias. Considero que a lealdade é un respecto co secretario xeral e cando o chamei para dicirllo tamén lle deixei claro que non pretendo pedir o seu apoio político e que confío na neutralidade política da Executiva galega. E fíxeno para que non se enterara pola prensa, tampouco. E falei logo con el e queda pendente un encontro máis distendido entre os dous para avaliar como enfocamos a provincia. Pero non ten porque haber ningunha disensión porque eu, francamente, creo que na provincia de Lugo Gonzalo non tiña ningún candidato.

Non?, e Patricia (Otero, concelleira en Burela e afín a Caballero) de quen era candidata

Eu honestamente creo que non e se me convencen de que si, honestamente, creo que tería cometido erro como secretario xeral.

Entón Quiroga, novo secretario de Coordinación do PSdeG, e lucense, que papel exerceu nesas primarias?

Pois non o sei. Pois supoño que controlar o comité organizador.

Que relación hai entre ti e el?

Eu a Quiroga coñezoo desde hai moitos anos. Traballou na deputación e hai a relación con el dun compañeiro máis. Non sei que papel fixo ou non. Xa ten o de secretario de Organización que bastante é.

Cambiando de tema xa. Cales son os teus obxectivos futuros na provincia?

Pois xerar os espazos nos que todos poidamos participar. E na Executiva provincial hai xente de todos os territorios, é representantiva de todos os sectores da provincia no plano económico, cultural ou social e na que están os compañeiros e as compañeiras que máis contido e traballo poidan aportar a esa Executiva. Ese foi o primeiro reto. O segundo foi, unha vez constituída a Executiva, desenvolver comisións comarcais nas que estean representadas as agrupacións de cada unha das comarcas para ser verdadeiros eclosionadores da política a nivel local e comarcal. E logo construír un proxecto nítido, claro e transparente do PSdeG en Lugo. E, cando haxa proxectos tan importantes como o AVE, pois involucrar a outras partes do partido, neste caso ao partido a nivel federal, que haberá que involucrar para impulsar as necesidades desta provincia. E logo ter un diálogo constante con todos os ámbitos e todos os axentes sociais. Por exemplo, en política sanitaria, traballar cos profesionais e entidades que están loitando para rebaixar as listas de espera ou unha sanidade pública e de calidade e que teña en conta as comarcas. O que quero é dotar a este partido dun proxecto que supere ás persoas e que, cando eu deixe de ser secretario xeral, o partido siga adiante...

E que todos dicides o mesmo...

Pero é que é unha realidade. O proxecto na provincia de Lugo hai que ir definindoo. E por iso eu en campaña insistín na necesidade de aprobar un plan rector de actuacións para a provincia. E niso estou. Porque é moi fácil decir que quero 14 autovías, pero hai que deixar claro cal se vai construír primeiro.

Aí vou. Sempre presentades 50.000 medidas pero a xente pide concreción...

Pois iso é o que quero facer eu, precisamente.

E ao final hai integración nas túas listas?

Eu non creo na integración como reparto de sillóns. Iso é equilibrar. E, en política, eu non creo no equilibrio. Creo no discursos claros. A integración é que haxa espazos para que todo o mundo poida participar e sumar e todos poidan desenvolver un bon papel nos ámbitos no que poidan. E por iso hai integración pero integración coa xente que penso que poden ser os mellores para acometer os seus postos.

Unha relación que que é moi tensa coa Xunta?

A relación coa Xunta non é orgánica. Nós trasladamos as nosas propostas á Xunta grazas aos tres deputados que temos no Parlamento.

Pero entendo que a situación será aínda máis tensa xa que en menos de ano e medio hai xa eleccións municipais. Cal é o obxectivo que te marcas a nivel político nestes comicios?

Pois sacar os mellores resultados.

E cales son?

Pois manter as alcaldías que temos e gañar algunha máis.

A cal te refires?

Pois reservomo para min (ri)

Friol, por exemplo?

Pois por que non (volve rir). Terei que tomar unha decisión sobre Friol e xa verei nos vindeiros meses que fago. Pero volvendo sobre Lugo penso que os lucenses saberán valorar o traballo feito e volverán elixir os candidatos que teñen traballado por eles. E cando ao PSdeG vaille ben, tamén lle vai á provincia de Lugo e cando ao PP vaille ben, a Lugo vaille mal. E xa vimos o exemplo co AVE. Nós deixamos contratados a intermodal e resulta que o PP paralizouna e realiza políticas lesivas para Lugo. Pero a xente non é parva e xa se deu conta de quen é o PP. Feijóo leva oito anos prometendo o AVE a Galicia e aquí non chega nada.

E entón que hai que facer?

Pois facer política e non slongas. Primeiro fas as cousas e logo, se queres, pois lle pos un slogan. E iso esixe un esforzo pedagóxico e didactico. E iso é o que eu quero facer e axudar a que a xente recupere a visión política e crítica de cada unha das eleccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PRO CATALAN E ANTI EXPAÑA

nin socialistas nin galegos, non se queimaron as pupilas lendo as obras de marx, son un grupo de amigotes listos para a "sacar beneficios eles, para a chupandaga política" hoxe esta todo que se vende e barato, barato, o pe$oe e o dos eslogans tipo "polo cambiazo" e que pensa o amigo que somos parvos, que non sabemos o que expaña nos rouba, o que a monoarquia nos esta costando, anda e vai engañar por ahí diante a outros parvos que a nos non nos vai o rollete falsario e engañador do pe$oebre da socialina, si se legalizase a cocaína e se surpimisen os partidos pepe-pe$oe-chupadanos e podreiros, TODOS ESTARIAMOS MOITO MELLOR!!!! LIBERDADE PARA CATALUNYA-